Decorar as casas e escaparates terá premio en Gondomar este ano co obxectivo de implicar ao máximo á veciñanza e o comercio local “nunha celebración que se están convertendo nun referente na comarca e o sur da provincia”
Gondomar pon en marcha o I Concurso de decoración de Nadal para a veciñanza e o comercio da localidade. Así o explicou o rexedor, Paco Ferreira, quen destallou que “damos un paso máis premiando a implicación da nosa xente en engalanar cos mellores adornos e luces o noso municipio, e dar máis razóns á xente para que se achegue a coñecer o noso Nadal”.
O I Concurso de Decoración de Nadal, promovido polas concellarías de Comercio, Turismo e Cultura, propón un tema de partida: “A Fábrica de Nadal” e nela pode ter cabida todo tipo de elementos navideños e cores.
Quen queira sumarse ao concurso terá ata o próximo día 10 de decembro de prazo para cubrir un formulario -que xunto ás bases pódese descargar na páxina www.concellodegondomar.gal – e presentalo no Rexistro Xeral do concello ou por Sede electrónica. Só se admitirá unha solicitude por persoa e os participantes rexistrados deberán achegar 1 quilo de alimentos propios destas datas para o banco de alimentos municipal.
Establécense varias categorías. No caso do comercio, decoración interior e exterior ou escaparate, escollendo só unha modalidade para presentarse. Igualmente, os particulares que participen poderán facelo optando ao premio à mellor decoración de xanelas ou balcón, ou mellor decoración de vivenda unifamiliar ou xardín.
Unha vez terminada a decoración deberán presentar tres fotografías da mesma a través do correo comercio@concellodegondomar.gal, antes do 14 de decembro, de maneira que se aprecien todos os detalles que serán valorados polo xurado. O importe dos premios, que oscilan entre os 50 e 200 euros, “só poderá ser trocado nos establecementos participantes no concurso”.

