Gondomar clausura a I edición do curso de Skate dirixido á mocidade

O Concello Gondomar despide esta semana a I Edición do curso de Skate, organizado pola concellaría de Xuventude, dirixida por Nuria Lameiro, para facilitar á mocidade a iniciación neste deporte urbano, e coñecer ademais das súas técnicas os seus beneficios.

Durante dúas semanas un total de 24 mozos e mozas participaron de luns a venres nestas clases nas que un monitor dáballes a coñecer as principais técnicas para manterse enriba das súas tablas, sempre primando a responsabilidade e a seguridade. Curso que nace coa vocación de perdurar no tempo dado o interese que esperta entre as novas xeracións. 

Os participantes gozaron e divertíronse tentando aprender os principios básicos do skate, un deporte do que tamén puideron coñecer, a través da información facilitada polo instructor, que tras as piruetas e saltos existen outros beneficios como son a mellora da coordinación e o equilibrio, a creatividade, o espírito de superación ou que é un bo medio para fomentar a nosa paciencia e liberar tensións.

Este I Curso de Skate, que se desenvolveu nas pistas inauguradas a finales do ano pasado no Concello de Gondomar, forma parte do programa de actividades organizado pola Concellería de Xuventude atendendo ás demandas dos máis novos e novas neste tempo de verán, alternativas pensadas para desenvolver no seu tempo de vacacións facilitando tamén a conciliación familiar.