O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, a directora xeral de Saúde Pública e o xerente da área sanitaria, mantivo unha reunión de traballo con representantes da Asociación Plan Comunitario de Teis para presentar a iniciativa
A Consellería de Sanidade financia con 180.000 esta iniciativa, coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou o Plan Comunitario de Saúde de Teis como un proxecto pioneiro na provincia de Pontevedra e, ademais, unha referencia na promoción da saúde e na prevención das adiccións que promove a Xunta.
O titular da Consellería de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do xerente da área sanitaria, Javier Puente, mantivo unha reunión de traballo con representantes da Asociación Plan Comunitario de Teis para presentar esta medida de saúde comunitaria para o barrio.
Tal e como detallou o conselleiro, trátase dun plan coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta e financiado con 180.000 euros pola Consellería de Sanidade. Ademais, referiu que é un modelo que considera que se pode aplicar noutras zonas de Galicia con características sociodemográficas semellantes.
Deste xeito, Gómez Caamaño referiu que, ata o ano 2028, a Asociación Plan Comunitario de Teis e a Consellería de Sanidade traballarán conxuntamente para mellorar o benestar emocional e a saúde da poboación infanto-xuvenil neste barrio de elevada vulnerabilidade, centrándose na prevención das condutas aditivas e na promoción dunha saúde integral.
O conselleiro sinalou que se traballará cunha visión a longo prazo que permita unha transformación real que só será posible coa implicación de toda a comunidade, por iso considera que o plan supón un paso decisivo para dar unha resposta integral.
Actuacións a realizar
As actuacións que se realizarán no marco do plan céntranse en diagnosticar as necesidades e planificar de xeito eficiente os recursos comunitarios. Así mesmo, crearanse estruturas e canles de participación cidadá, ademais de fomentar a formación en saúde e o autocoidado e de crear unha rede sólida de apoio na comunidade.
Todas estas accións levaranse a cabo integrando tanto a profesionais da saúde como da educación, aos servizos sociais e ás propias entidades veciñais.
O conselleiro tamén incidiu en que o proxecto está fundamentado nunha participación activa das familias e da mocidade do barrio, implicándoas directamente no proceso para darlles voz e recoñecer o seu papel dentro dun cambio no que serán protagonistas.
Accións continuadas
O titular da carteira sanitaria puxo en valor que este plan comunitario forma parte dun conxunto de medidas máis amplo da Consellería de Sanidade no que se pon especial atención na mellora da atención primaria, a saúde mental e o autocoidado, co obxectivo de mellorar o benestar da cidadanía.
Segundo subliñou Gómez Caamaño, o problema das adiccións é un tema sensible no que a Xunta traballa desde hai máis de 30 anos con accións continuadas de prevención e sensibilización, tendo a súa máxima expresión no Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que aprobou recentemente o Executivo galego e que vai iniciar a súa tramitación parlamentaria.
Este proxecto de lei vai converter Galicia na primeira comunidade en regular a venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas, avanzando na protección da saúde da mocidade.
Xunto ao anterior, a Xunta aprobou recentemente axudas para financiar proxectos de prevención das adiccións destinando a tal fin máis de 2,1 millóns de euros para reforzar a capacidade de actuación das entidades locais e comunitarias.
Para concluír a súa intervención, o conselleiro felicitou á asociación Plan Comunitario de Teis por impulsar esta iniciativa de moito compromiso e valor social e dixo que o plan constitúe un modelo sólido de intervención en saúde pública e de prevención das adiccións que reforza a capacidade da Xunta para anticiparse e acompañar ás comunidades máis vulnerables.

