Garantir un xoguete para a cativada das familias vulnerables, novo reto do gondomareño Daniel Fernández

Baixo o lema “Seis cimas, un xoguete” afrontará este domingo o seu novo reto con que busca incrementar o número de donativos na conta de “Gondoilusión”

Coincidindo coa celebración do Día das Montañas, Daniel Fernández Cerzón, este ano propúxose cubrir nun prazo aproximado de 17 horas as seis cimas máis representativas do Val Miñor, Baixo Miño e Vigo, percorrendo unha distancia de 105 quilómetros de distancia e 2500 m de desnivel.

“Sen dúbida é un reto complicado e que me esixirá moito, pero vale a pena se conseguimos sumar e sumar para axudar a quen máis o necesita”, asegura Daniel Fernández, que tras apoiar causas como a diabetes, o alzheimer ou o Síndrome Usher entende “que a pandemia fixo estragos económicos e xerado situacións difíciles para moitas familias ás que con moi pouquiño podemos axudar”.

Daniel Fernández Cerzón partirá ás tres e media da madrugada deste domingo 12 de decembro desde a Praza da Paradela onde confía estar de volta tras 17 horas, tempo que estima que tardará en cubrir o percorrido que lle levará sobre a súa bicicleta ás cimas de Montescastelo, monte Alba, Galiñeiro, o Monte Aloya, Santa Techala e Serra dá Grova. Meta na que será recibido polo alcalde e membros do goberno local.

Reto6 pola campaña Gondoilusión

Unha forma de render homenaxe a natureza no Día da Montaña e de cumprir co obxectivo solidario que teñen os retos que desde fai cinco nos vén realizando Daniel Fernández que insiste en facer un chamamento a “que quen me apoie e estean dispostos a darme o ánimo que preciso tamén acheguen o que poidan, pouco ou moito, á conta de Gondoilusión para garantir un xoguete a cada nena e neno de Gondomar”.

A campaña, promovida pola concellería de Benestar Social coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais, converterá o recadado en vales que as familia beneficiarias do departamento municipal poderán trocar por agasallos nos establecementos colaboradores. Os interesados/as poden ingresar ou seu donativo na conta de ABANCA ES53 2080 5035 0230 4000 9345).