Na totalidade dos centros e para o 100% do alumnado ofrécese atención educativa de balde a xornada completa e durante todo o ano, agás agosto, cando moitos centros pechan

As Casas niño, o Bono Coidado e a Tarxeta Benvida son outras medidas que o Executivo autonómico ten a disposición das familias

Este curso a atención educativa de 0 a 3 anos en Galicia é totalmente gratuíta no 100% dos centros, con independencia de que sexan públicos, de iniciativa social ou privados. Este feito converte á nosa Comunidade Autónoma nunha referencia nacional neste ámbito. A gratuidade das escolas infantís é un paso adiante decisivo para que as nais e pais compaxinen mellor as súas vidas laboral e familiar. Pero tamén é unha medida importante para as economías dos fogares, máis nun contexto como o actual no que os prezos están polas nubes.

A Xunta destina máis de 50 millóns de euros este curso para facer realidade esta medida da que se benefician arredor de 31.000 nenos

Neste sentido, a iniciativa garante que todas as familias que o desexen, sexa cal sexa a súa situación económica, podan levar aos seus fillos a unha escola infantil, xa que non lles supón un euro dos seus petos. Estas aforrarán entre 1.500 e 2.000 euros por curso e neno, sen dúbida todo un alivio nun momento no que a inflación está moi elevada.

A Xunta destina este curso máis de 50 millóns de euros de fondos propios para facer realidade a gratuidade. Arredor de 31.000 nenos se benefician desta medida, repartidos entre as aproximadamente 600 escolas infantís que hai en funcionamento en Galicia, sumadas as que dependen da Xunta, dos Concellos, as que son de iniciativa social e as de titularidade privada. Na totalidade destes centros, en todos os cursos e para todo o alumnado de 0 a 3 anos, ofrécese  ás familias atención educativa gratis ata un máximo de oito horas, que é a xornada completa, e durante todo o ano, agás no mes de agosto, cando moitas escolas pechan. Unha vantaxe á que as familias se poden acoller sen que teñan que presentar ningún papelame, xa que é a Administración autonómica a que xestiona directamente a gratuidade coas escolas infantís.

Con vocación de permanencia

O Executivo galego defende que este avance no apoio ás familias e no coidado á infancia é estrutural, ten vocación de permanencia e non ten volta atrás. De feito, a implantación da gratuidade comezou en abril de 2020 aplicándose aos segundos fillos e sucesivos,  e tras a boa acollida que tivo esta decisión entre o sector e, obviamente, entre as familias, decidiuse ampliala aos primoxénitos. Polo tanto, o feito de que hoxe en Galicia a atención educativa de 0 a 3 anos sexa totalmente de balde supón unha realidade sen precedentes no conxunto de España. Unha medida coa que se apoia a todas as familias, sexan cales sexan as súas características, se fomenta a conciliación e a igualdade de oportunidades.

a medida Tamén chega a aquelas familias que viven en municipios máis pequenos que carecen deste tipo de centros a través das Casas niño

Ademais, a gratuidade non soamente dá cobertura ás familias que residen ou traballan en concellos que teñen escolas infantís. Tamén chega a aquelas que viven en municipios máis pequenos que carecen deste tipo de centros a través das Casas niño, pequenas escolas gratuítas nas que se atende a un máximo de cinco nenos. A Xunta comezou a crear no ano 2016 unha ampla rede destes equipamentos por toda a comunidade e seis anos despois xa hai preto dun centenar.

Outras medidas para as familias

Estas medidas poñen o acento no que é un dos eixos de actuación prioritarios da Xunta de Galicia: arroupar ás familias que deciden ter un fillo. A elas diríxense programas como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida. Co primeiro axúdaselles a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade laboral, e que tamén pode ser empregado para sufragar campamentos, ludotecas ou servizos semellantes. Coa Tarxeta Benvida, ofréceselles unha importante achega económica para colaborar nos custes que supón o nacemento dun fillo.