Galicia acolle este verán 46 campos de voluntariado que poñen en valor o seu patrimonio medioambiental, patrimonial, cultural e turístico

Forman parte da Campaña de Verán da Xunta, coa que pon á disposición dos mozos e das súas familias máis de 11.200 prazas en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e outras actividades

Chegou a tempada estival e con ela unha nova Campaña de Verán da Xunta de Galicia, unha proposta ambiciosa que non só ofrece á xuventude un amplo abano de alternativas para que desfruten do tempo libre, senón que tamén é un recurso de conciliación para as familias.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Durante os meses de xullo, agosto e setembro e baixo o lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ ofértanse máis de 11.200 prazas en campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, entre outras actividades. Esta cifra supón a maior oferta da historia da programación estival do Goberno galego e consolida a Galicia como a comunidade que máis prazas ofrece de todo o Estado.

Dentro das múltiples posibilidades para pasalo ben durante as vacacións que propón a Campaña de Verán, unha das que esperta maior interese por parte da xente nova son os campos de voluntariado, que a Xunta organiza en colaboración cos concellos. Neste verán están programados 46 campos, entre os que destacan o das illas Cíes, con cinco quendas e que é o máis antigo dos que se realizan na nosa comunidade. No seu conxunto, a oferta de prazas deste verán supera as 700 para xente nova entre os 18 e os 30 anos de idade.

Este verán, o Executivo autonómico volve a aumentar o número de campos de voluntariado con catro novos en Santa Comba (A Coruña), Pantón (Lugo), Viana do Bolo (Ourense) e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz, ambos na provincia ourensá. Ademais, recupérase un campo de voluntariado específico para mozos galegos que residen no exterior en Castro de Rei (Lugo).

En canto á distribución destes campos por provincias: A Coruña acolle 13, 11 teñen lugar en concellos ourensáns, 14 celébranse na provincia de Pontevedra e outros 8 na de Lugo.

A conservación do medio ambiente, a posta en valor do patrimonio histórico, a cultura, a etnografía, o audiovisual, a arqueoloxía, a dinamización turística ou o ámbito social son algunhas das modalidades destes campos, abertos á participación de mozos procedentes doutras rexións de España e tamén de países estranxeiros. Os participantes colaboran desinteresadamente en diferentes traballos e actividades que redundan na mellora da contorna na que se desenvolven os campos. Ademais, estas iniciativas están encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade entre a xuventude.

Os campos de voluntariado xa celebrados este mes de xullo rexistraron unha elevada participación e practicamente todos eles cubriron as prazas ofertadas. A convocatoria para cada un dos campos estará aberta ata tres días antes do inicio de cada un deles e deberase facer en liña a través da páxina web xuventude.xunta.es, na que tamén se pode consultar toda a programación da Campaña de Verán.

A oferta complétase cos que teñen lugar noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro. Os mozos galegos poden desfrutar dun verán que sempre lembrarán participando en campos que se organizan en Castela-A Mancha, Castela León, Estremadura, A Rioxa e a Comunidade Valenciana ou Portugal, Francia, Alemaña, Islandia e Estonia.


“O meu propósito é facer cada ano un campo de voluntariado e se é en Galicia mellor”

Daniel Isaías López Torres, participante no campo de voluntariado de Viana do Bolo

Daniel ten 20 anos, naceu en Venezuela e actualmente vive en Madrid. Do 4 ao 15 de xullo estivo en Galicia participando na primeira edición do campo de voluntariado de Viana do Bolo (Ourense), unha das novidades da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Un campo de temática teatral no que Daniel conviviu con outros mozos de Galicia, do resto de España e do estranxeiro.

Foi a túa primeira participación nun campo de voluntariado?

Si, esta foi a miña primeira vez. Intento aproveitar as miñas vacacións para vir, sempre que podo, a Galicia porque os meus avós eran de aquí. Informeime sobre os campos de voluntariado que hai en Galicia a través da páxina de xuventude da Comunidade de Madrid, comprobei que había un montón de posibilidades e anoteime para o de Viana do Bolo

En que consistiron as actividades no campo?

Fixemos varias representacións na praza do pobo contando as lendas e mitos de Viana do Bolo. Encargámonos de todo o proceso: de elaborar o guión, facer os traxes, do atrezo. O teatro foi a actividade principal, pero tamén fixemos excursións, rutas, visitas…

Como valoras a experiencia?

A verdade é que ía sen expectativas, pero ao final sorprendeume moi gratamente. O meu propósito agora é realizar cada ano algún campo de voluntariado e, se pode ser en Galicia, mellor. As actividades dos campos que se ofertan aquí creo que se axustan moi ben ao que queremos os mozos e ademais supoñen unha oportunidade moi boa para coñecer xente, novos lugares e desfrutar da natureza e dos espazos naturais que ten Galicia.


Toda a información sobre a Campaña de Verán da Xunta de Galicia se pode consultar na páxina web de Xuventude