Fútbol a pé: deporte para todos, sen contacto e sen lesións

En tempos de covid-19, esta pode ser unha alternativa segura para manter a forma física

O fútbol a pé é unha nova modalidade deportiva que trata de poñer ao alcance de calquera persoa, con independencia da súa idade e condición física, a práctica do fútbol tradicional. Para facelo, baséase nunha simple regra: camiñar en lugar de correr, aínda que desta condición derivan outras novas normas que converten esta práctica nun deporte diferente.

Para dalo a coñecer a próxima semana o campus de Vigo acollerá dúas xornadas promocionais, o día 27 ás 15.00 horas e o 29 ás 21.00 horas no campo de fútbol. A actividade, impulsada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, está aberta tanto a PAS e PDI como ao alumnado e terá unha duración de 75 minutos en grupos de ata un máximo de 12 persoas. A pesar de tratarse dun deporte sen contacto, o uso da máscara será obrigatorio e deberá realizarse unha inscrición previa a través da plataforma CampusActivo.

Un deporte sen contacto e sen esixencias físicas

O fútbol a pé é unha variante deportiva que aposta por unha contorna non competitiva e está dirixida a persoas de calquera idade, xénero e condición física. Tanto é así, que ao substituír a carreira por un exercicio máis lento, poden practicar esta modalidade as persoas con limitacións de mobilidade que, doutro xeito, non pode xogar ao fútbol tradicional. Trátase, polo tanto, dunha alternativa que une ocio, deporte e saúde, sen barreiras e que permite gozar da paixón polo fútbol sen o carácter competitivo que se lle asocia e sen barreiras. 

Dende o punto de vista físico, aposta por unha actividade recomendada para todas as idades como é camiñar; dende o punto de vista psicolóxicos, fai preciso que as persoas participantes se concentren nas normas e require unha atención máxima e, dende o punto de vista social tamén proporciona beneficios, xa que potencia a relación entre persoas de diferentes idades e xéneros. Polo tanto, é unha actividade cuxa práctica une deporte, saúde e benestar. Como explican os monitores que impartirán as sesións, José Mª Rial e Marcos Teixeira, esta nova proposta axuda ás persoas a que se manteñan en movemento practicando un deporte de baixo impacto e risco, logrando deste xeito, aumentar a autoestima, divertirse, socializar e acadar unha mellor condición física e de saúde.

Normas de competición

A principal norma que diferencia o fútbol a pé da modalidade tradicional é que non se pode correr en ningunha situación do xogo e non pode haber ningún tipo de contacto físico. Cada xogador ten un máximo de tres toques e non se pode facer entradas ao posuidor do balón, soamente se pode interceptar o balón durante un pase ou tiro. Para conseguir un gol todos os xogadores atacantes deben estar no medio campo ofensivo e se un equipo recibe un gol e algún dos seus xogadores non está no seu medio campo defensivo, este valerá dobre. 

Outras diferencias pasan porque todas as faltas son indirectas e os xogadores defensores deben situarse sempre a tres metros de distancia, as faltas e saques de banda execútanse có pé e os penaltis efectúanse soamente cun paso de carreira. Ademais, o porteiro non pode saír fora da área en defensa, aínda que si pode coller o balón coas mans tras unha cesión.