Fumega Fest trae a Galicia o concerto exclusivo de Villagers of Ioannina City

A banda grega actuará o sábado 28 de marzo na sala Rebullón de Mos, unha das tres únicas datas da súa xira en España

O Fumega Fest, festival galego de referencia no stoner rock e doom metal, anunciou a celebración dun concerto exclusivo en Galicia da banda grega Villagers of Ioannina City, que terá lugar o sábado 28 de marzo na sala Rebullón de Mos. A actuación forma parte da xira europea Venceremos Tour 2026 e será unha das tres únicas paradas no Estado español, xunto ás de Vitoria-Gasteiz e Madrid.

Con esta cita, Fumega Fest amplía o seu alcance máis alá do formato festival e aposta por situar Galicia como unha parada destacada nas xiras internacionais dos principais nomes destes xéneros. As entradas xa están á venda a través da plataforma enterticket.es.

Villagers of Ioannina City é unha das bandas máis recoñecidas da escena europea, coñecida pola súa particular fusión de heavy psicodélico e stoner rock coa música tradicional da rexión grega de Epiro. Os seus directos destacan pola coidada posta en escena, cunha potente produción de son e iluminación. Con tres discos publicados, un deles gravado en directo, o grupo consolidouse como unha das propostas máis sólidas e singulares do panorama actual.

Fumega Fest 2026

A organización continúa así o camiño cara á consolidación do Fumega Fest como unha das citas máis relevantes do stoner rock e doom metal a nivel peninsular. A segunda edición do festival contará cun cartel ambicioso, no que figuran bandas internacionais de primeiro nivel como Stoned Jesus, Conan, Burst, Causa Sui ou Volcanova, xunto a destacados nomes da escena estatal, galega e portuguesa como Wet Cactus, Men Eater, Travo, Moura ou Luciférnaga.

Os abonos para os dous días do festival están xa dispoñibles desde 57 euros a través da web oficial www.fumegafest.com e tamén en enterticket.es.