Fernández-Tapias visita a montaxe do Festival Latitudes e C. Tangana para o regreso dos grandes concertos a Vigo co Xacobeo 21-22

A delegada territorial de Xunta en Vigo fixo un percorrido polo peirao de Transatlánticos onde se celebrará o festival este 19 e 20 de agosto

A lenda estadounidense Iggy Pop, os irlandeses Two Door Cinema Club, os suecos Manda Diao e os británicos The Vaccines encabezan a primeira edición de Latitudes

C. Tangana actuará no mesmo escenario o vindeiro 23 de agosto e catro días despois será a quenda de Quevedo e Ajax e Prok no Festival de Música Urbana

O Xacobeo 21-22 trae á cidade preto de vinte concertos en Vigo desde mañá ata o vindeiro 18 de setembro

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, fixo este xoves unha visita ao peirao de Transatlánticos no que esta fin de semana celebrarase o Festival Latitudes e o vindeiro martes o concerto de C. Tangana. A representante autonómica realizou un percorrido pola montaxe que acollerá nos vindeiros días a artistas como Iggy Pop e grupos como Two Door Cinema Club dentro da programación musical do Xacobeo 21-22.

“Durante as últimas semanas xa tivemos grandes actuacións como as de Texas ou Rufus Wainwright, e a partir de mañá regresan os grandes concertos a Vigo coa mellor oferta musical de toda Galicia”, sinalou durante a súa visita. Fernández-Tapias destacou a calidade do cartel do Festival Latitudes (19 e 20 de agosto no peirao de Transatlánticos) e lembrou outras citas destacadas como as de C. Tangana (23 de agosto) ou Muse (8 de setembro).

O Festival Latitudes, que celebrou a súa última edición no ano 2016 en Santiago de Compostela, chega agora a bo porto como parte da programación musical do Xacobeo 21-22. Así, converterá durante dous días o porto de Vigo nunha nova parada obrigatoria do Camiño de Santiago.

Latitudes arriba a Vigo cun cartel que inclúe algúns dos principais referentes da música rock do panorama internacional. Empezando polos irlandeses Two Door Cinema Club, sen esquecernos dos suecos Mando Diao ou a banda británica The Vaccines, para chegar ata a lenda estadounidense do rock Iggy Pop.

Os grupos galegos non faltarán, por iso, o seu cartel complétano varias bandas da mesma cidade de Vigo. Entre os invitados a esta cita estará a banda viguesa Aphonnic, que tocarán o seu metal alternativo, os pontevedreses Furious Monkey House, o trío de blues cósmico, e tamén vigués, Zålomon Grass, e o dúo grunge galego Bala.

Calendario musical do Xacobeo en Vigo

Xacobeo Importa:
17 de xuño: Pat Metheny – Auditorio Mar de Vigo
26 de xuño: Marisa Monte – Afundación
7 de xullo: Agnes Obel – Afundación
10 de xullo: Leon Bridges – Auditorio Mar de Vigo

Rufus Wainwright: 2 de xullo (Afundación)

Ciclo Xacobeo Vigo (Auditorio Mar de Vigo):
6 de xullo: Fat Freddy’s Drop
17 de xullo: Steve Vai
22 de xullo: Yann Tiersen
9 de agosto: Texas

26 de agosto: Cimafunk

18 de setembro: Mayumaná

Festival Latitudes: (Porto de Vigo)

19 de agosto: Two Door Cinema Club, Mando Diao, Bala e Zalomon Grass

20 de agosto: Iggy Pop, The Vaccines, Aphonic, Furious Monkey House, Sylvia Supertar DJ 

C. Tangana: 23 de agosto (Porto de Vigo)

Festival Música Urbana: 27 de agosto (Porto de Vigo)
Ayax y Prok
Quevedo
Califato
Sila Lúa
Safree

Muse: 8 de setembro en Balaídos

Fito & Fitipaldis: 28 de outubro no Auditorio Mar de Vigo