Fernández-Tapias supervisa as obras de humanización e seguridade da estrada PO-330 entre Pereiró e Valadares

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu este luns ao Alto da Garrida para coñecer o avance da actuación

A mellora do viario busca a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunha zona moi urbana atendendo ás demandas de veciños

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou este luns o avance das obras de mellora da PO-330, a estrada Vigo-Vincios, que comezaron o pasado mes e xuño na zona de Valadares. A representante autonómica supervisou a construción da glorieta do Alto da Garrida que mellorará a seguridade do cruce.

Os traballos comezaron o pasado mes de xuño na zona de Valadares, onde se executa a glorieta para mellorar a seguridade do cruce, cun elevado tráfico de vehículos pesados, xa que dá acceso aos polígonos, ao miradoiro do Monte Alba ou ao viario que vai á Universidade, ao Hospital e ao Parque Tecnolóxico.

“A actuación, nun treito de 7 km, ten como fin acadar a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunhas zonas moi urbanas, atendendo ás demandas de veciños e comerciantes da contorna”, sinalou Fernández-Tapias durante a visita.

Durante os meses de xuño e xullo, as obras centraranse na eliminación do tramo de concentración de accidentes e na construción da glorieta da Garrida. Xa en agosto, aproveitouse a época sen clases, actuouse na contorna de dous centros educativos. Por unha banda, no Colexio Barreiro, onde achegouse o paso de peóns á entrada do centro e  instaláronse bandas transversais de alerta para atenuar a velocidade. Ademais, no acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionouse o radio de xiro de entrada e saída dos autobuses para incorporarse á PO-330.

Fernández-Tapias avanzou tamén que en outono se acometerá outra glorieta de acceso á piscina e ao pavillón; e en decembro comezarán  xa as obras na contorna de Pereiró, urbanizando un treito de 450 metros, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e serve de enlace do viario da universidade.

Nesa zona de Pereiró, a delegada territorial indicou que a Xunta agarda que o Concello de Vigo aproveite, finalmente, as obras para renovar os servizos municipais, de abastecemento, saneamento ou depuración, como correspondería, para evitar ter que levantar despois novamente a estrada para actuar neses servizos. A actuación da Xunta engloba outras accións como a sinalización horizontal ou elementos físicos para reforzar a seguridade noutras 3 interseccións (en Carneiras, Carregal e O Portal) e as melloras de accesibilidade ou a reparación de beirarrúas onde sexa necesario.