Fernández-Tapias reitera ao concello por carta que comunique a data de fin de obra para poñer en marcha a estación e agarda que “por respecto aos vigueses non haxa actitudes desleais”  

A delegada territorial da Xunta en Vigo remitiu hoxe unha nova carta ao Concello para pedir outra vez que informe oficialmente sobre a data en que estarán acabados os accesos e así poñer en marcha o traslado da Estación de Autobuses  

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, remitiu este xoves unha nova carta ao Concello de Vigo na que reitera a necesidade de que informe sobre a data en que estarán en servizo os accesos necesarios para poñer en marcha a Estación de Autobuses Intermodal de Urzaiz.

A representante autonómica solicitou de novo, tal e como xa fixera a Consellería de Infraestruturas o pasado 26 de xuño, a confirmación oficial de que a parte da obra levada a cabo polo Goberno local está acabada, de maneira que a Xunta poida poñer en marcha todo o proceso de traslado da estación e informar aos cidadáns.

“Lamentablemente, a pesar da insistencia da Xunta, estas peticións non foron atendidas e, transcorrido xa máis de mes e medio desde a finalización da estación de autobuses, non dispoñemos da información imprescindible para a activación do proceso da súa pota en servizo”, explica Fernández-Tapias na carta dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero. A delegada engade que

Sen apertura para o 1 de agosto

A Xunta de Galicia anunciou a primeiros de xullo que estaba en disposición de abrir a estación de autobuses intermodal de Vigo o vindeiro día 1 de agosto, como tiña previsto inicialmente, pero finalmente non será posible ante a falta de confirmación oficial, por parte do Concello, de que nesa data terá rematados os accesos e contará coa autorización necesaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o seu uso, así como o plan de seguridade dos túneles.

“Sería, en consecuencia, un xesto de deslealdade moi difícil de aceptar e comprender, que o Concello de Vigo procedese á posta en servizo do túnel de Lepanto sen informar coa antelación necesaria á Xunta de Galicia. E sería, sobre todo,  motivo dun grave prexuízo para a cidadanía, privados inxustificadamente dunha nova estación de autobuses xa rematada”, sinala a delegada. Ademais, incide en que agarda que “non haxa actitudes e fotos desleais que suporían unha grave falta de respecto para os vigueses”.

Carta sen resposta desde o 27 de xuño

O Goberno galego remitiulle o pasado 27 de xuño un escrito ao Concello de Vigo solicitándolle a confirmación oficial de que o 31 de xullo tería rematados os accesos, como avanzara na comisión técnica de seguimento o 2 de xuño, e tamén solicitándolle a autorización imprescindible do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para facelo.

Cumprido o prazo dado polo Goberno galego, necesario para organizar o traslado de estación, o Concello de Vigo non achegou a documentación acreditativa imprescindible de que o 1 de agosto os autobuses poderán entrar e saír desde os novos accesos que executa o propio Concello nin trasladou a autorización do Ministerio para o seu uso.

Sen esa confirmación a Xunta non puido activar os traballos para o traslado da actividade da estación de autobuses, que inclúe un complexo proceso de información aos concesionarios e usuarios e precisa dunha antelación suficiente, estimada nun mes.

Investimento de 18 millóns de euros

O Goberno galego cumpriu co seu compromiso cos vigueses, ao ter xa finalizada e recepcionada a estación de autobuses intermodal desde o pasado 10 de xuño, logo dun investimento autonómico de 18 M€, que quere poñer ao servizo dos cidadáns canto antes.