Marta Fernández-Tapias pon en valor os avances nas grandes infraestruturas da Xunta este ano en Vigo

A delegada autonómica presidiu hoxe a homenaxe aos funcionarios xubilados este ano na Delegación de Vigo.

A delegada territorial da Xunta fai balance dun 2020 “difícil” no que as inversión do Goberno autonómico na cidade avanzan a bo ritmo pese ao impacto da pandemia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, puxo en valor os avances das grandes infraestruturas que o Goberno galego ten en execución na cidade. No seu balance dun 2020 “difícil” por mor da Covid-19, centrado na xestión da crise sanitaria, subliñou que as inversións autonómicas na cidade avanza a bo ritmo. Así, destacou o “incuestionable” compromiso do Executivo galego co crecemento económico e social de Vigo, que volveu a quedar patente coa autorización este martes da contratación por 7,3 millóns de euros da ampliación do Ifevi.

Fernández-Tapias reivindicou a implicación do Goberno autonómico na cidade e o seu reflexo en obras como a Cidade da Xustiza, a estación intermodal, as obras de urbanización no polígono de Navia, o centro de saúde de Bouzas ou o albergue de peregrinos. Tamén chamou a atención sobre os novos proxectos adiantados como é o caso do centro de saúde Olimpia Valencia, o impulso definitivo á ETEA ou o centro interxeneracional da antiga estación de autobuses. Un grado de compromiso que non esquece nin ás familias nin ás empresas, dixo. “Hoxe a cidade ten máis e mellores servizos sociais e unha mellor sanidade e educación públicas”, engadiu.

E neste contexto, Fernández-Tapias lamentou a falta de vontade política de Abel Caballero a entenderse coa Xunta polo ben dos vigueses e viguesas. Proba de elo é a súa negativa reiterada a abrir as necesarias canles de comunicación e colaboración co Goberno galego: “Quédanos claro que Vigo xa non é a súa prioridade”.

Na súa opinión, Caballero, ao que ve instalado na confrontación permanente e a queixa ficticia, debería ser o primeiro interesado en que as relacións coa primeira administración de Galicia fluísen en beneficio da veciñanza. “So persigue o conflito permanente con falsos agravios e polémicas infundadas que non se apoian na verdade”, apuntou.

Invitouno así a mudar de actitude coa chegada do 2021 e deixar a un lado unha pretendida guerra política coa que unicamente sae perdendo a cidadanía de viguesa. “Un bo comezo sería recoñecer o esforzo inversor da Xunta en Vigo e a súa contribución durante todos estes anos á transformación da cidade”, anotou.

Tras sinalar que o momento actual require de altura de miras e fai imprescindible manter un traballo coordinado entre administracións, convidouno a antepoñer Vigo a súa figura política e ás batallas estériles coas que “a poucos convence xa”.

“Sería desexable poder abordar as necesidades da cidade desde unha relación baseada na confianza mutua, pero queda claro que temos formas diferentes de entender a xestión pública e eliximos camiños distintos”, subliñou Fernández-Tapias, para quen a “nula vontade de diálogo” por parte de Caballero non suma ao proxecto transformador que a Xunta está a executar en Vigo.

“Non quere o desenvolvemento cultural da cidade, nin a mellor Biblioteca Pública do Estado nin o proxecto do Barrio Creativo para o Casco Vello”, advertiu. De igual xeito, “oponse a proxectos de relevancia social como a residencia de maiores da Etea ou o centro interxeneracional que temos proxectado para a actual estación de autobuses”, aseverou Fernández-Tapias, antes de incidir en que “tampouco quere que invistamos 1 millón de euros no saneamento de Teis ou os 1,6 millóns anunciados para a ampliación da conca do Lagares para evitar inundacións”. “Incluso chegou a cuestionar -dixo- o compromiso da Xunta coa ampliación do Ifevi nun intento de desviar a atención da incompetencia do Goberno Central, que tardou 8 meses en emitir os seus respectivos informes”. 

A súa oposición a todo canto proxecto anuncia, presenta ou executa o Goberno galego, acentuou, “chega ao absurdo de negarse a sinalizar o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Vigo, cando estamos a dous días da apertura da Porta Santa”. “Oponse, nega o entorpece por sistema sen importarlle as consecuencias”, engadiu.

A delegada é consciente que a colaboración coa Xunta indubidablemente lle reportaría menos réditos políticos, “pero sairían gañando os cidadáns”, opinou, “do mesmo xeito que o farían si lle reclamase ao Estado, co igual grado de belixerancia, un mínimo de implicación coa cidade de Vigo”.  

Agravios do Estado

E neste sentido, Fernández-Tapias pediulle a Caballero unha reacción á altura duns orzamentos xerais elaborados e pensados de costas a Vigo, e que antepoña os intereses da cidade aos dos seus compañeiros de partido en Madrid. Así se preguntou como o alcalde cala ou, peor, aplaude que proxectos que a cidade leva anos reclamando sigan en “parada técnica”, sinalou en clara referencia a que non avanzan da fase de estudo.

Este é o caso da saída sur ferroviaria que permitiría facer pasante a estación de Urzaíz e pechar Guixar, reducir as distancias en tempo con Madrid e Portugal, e situar a Galicia no mapa das redes transeuropeas. A este respecto, a delegada reiterou que a Xunta dará a batalla e non permitirá unha nova discriminación do Corredor do Atlántico fronte a outros territorios.

De irrisorios tildou os 100.000 euros que destina o Estado a autovía Vigo-O Porriño, o los 500.000 que se destinan ao proxecto de entrada do AVE a cidade por Cerdedo. Asemade, a sede de investigacións mariñas proxectada na ETEA terá que esperar uns anos para ser realidade ao igual que ocorre coa Biblioteca do Estado.

Precisamente, en referencia a este último proxecto a delegada recordou que o Goberno central non so non destina máis de 100.000 euros no documento orzamentario de 2021, senón que corrixe á baixa e reduce á metade o proxecto de necesidades remitido pola Executivo autonómico. “Non podemos admitir unha superficie menor aos 8.000 metros cadrados que recollemos no documento, xa que un menor espazo non daría resposta a demanda actual”, advertiu, para insistir en que “queremos en Vigo a mellor biblioteca pública do Estado”.

Pese a todos este agravios, “o alcalde segue calando”, subliñou a delegada, quen afirmou que mentres que isto pasa “desde a Xunta seguiremos a traballar por Vigo e polos vigueses e viguesas”. “Para nós Vigo debe estar por riba de todo”, concluíu.