Fernández-Tapias destaca o “escenario perfecto” do Auditorio Mar de Vigo para os seis artistas consagrados do Ciclo Xacobeo

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na presentación dos concertos que se celebrarán entre xullo e setembro no Auditorio Mar de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou hoxe na presentación do Ciclo Internacional Xacobeo o “escenario perfecto” que conforma o Auditorio Mar de Vigo para dar cabida aos seis artistas consagrados que pasarán polo recinto entre xullo e setembro.

“Cando estabamos a deseñar o cartel do Xacobeo en Vigo para este ano 2022 tiñamos moi claro que o Auditorio Mar de Vigo tiña que estar incluído. Non só coa súa terraza, onde actuarán tres dos seis artistas internacionais, que trae o cartel, senón tamén no interior, é o escenario perfecto para unha oferta con artistas consagrados e de renome mundial que atraerán a miles de persoas”, sinalou. Así, a representante autonómica avanzou o calendario de actuacións do novo ciclo patrocinado polo Xacobeo 21-22.

Segundo sinalou na presentación Fernández Tapias, «a intención deste ciclo é ofrecer unha mostra da diversidade musical do mundo, da riqueza de estilos, e artistas de enorme proxección internacional e bandas de referencia». Pola súa banda, Iñaki Teixeira, director do Auditorio Mar de Vigo, comentou sobre o cartel do Ciclo Xacobeo que «a maior parte destes artistas farán contadas actuacións no noso país, e case todas en ciclos e festivais de gran prestixio como Noches del Botánico, Jardín de Pedralbes, La Mar de Músicas ou o Cruïlla de Barcelona».

“A cidade vai gozar dun gran verán de concertos grazas ao Xacobeo con máis de 20 grandes actuacións. Desde o Porto a este auditorio e, como xa sabedes, tamén en Balaídos, os vigueses terán á súa disposición as mellores actuacións que se poderán ver en Galicia”, indicou.

As seis actuacións que pasarán polo Mar de Vigo son a banda neozelandesa Fat Freddy´s Drop o 6 de xullo, que estarán por vez primeira en Galicia, o americano e lenda do rock Steve Vai o 17 de xullo, a música sofisticada do bretón Yann Tiersen o 22 de xullo, a mítica banda escocesa Texas o 9 de agosto, a nova revelación internacional cubana Cimafunk o 26 de agosto e as espectaculares percusións dos israelíes Mayumaná, que pecharán o ciclo o 18 de setembro.