Fernández-Tapias destaca o crecemento do festival Barbeira cunha “oferta de calidade” que consolida a cita musical e as súas actividades paralelas en Baiona

A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou este mércores a nova edición do Barbeira Season Fest que se celebrará en Baiona entre o 31 de agosto e o 4 de setembro

Os grupos DePedro, Zahara, León Benavente e Triángulo de Amor Bizarro serán os cabezas de cartel do festival que conta co músico vigués Pablo Novoa como director artístico

Máis de 30 bandas actuarán nos escenarios dunha cita que tamén ofrecerá outras actividades paralelas como gastronomía, charlas, bautismos de mar con paddle surf ou un hotel artístico

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores en Baiona unha nova edición do Barbeira Season Fest que se celebrará entre o 31 de agosto e o 4 de setembro na vila do Val Miñor. A representante autonómica destacou o crecemento e a consolidación dunha cita que alcanza a súa cuarta entrega cunha “oferta ampla, para todos os públicos e de calidade”.

Fernández-Tapias amosou o compromiso da Xunta con festival, tanto a través do programa “O teu Xacobeo” como da marca FEST Galicia. “Desde o Goberno galego estaremos sempre ao lado dos artistas e dos promotores para darlles o apoio que necesiten, especialmente tras superar momentos complicados pola pandemia”, sinalou. No acto celebrado ás portas do Parador de Baiona, a delegada territorial estivo acompañada polo alcalde, Carlos Gómez; o director artístico do festival, o músico vigués Pablo Novoa; o responsable de Elemental Street, Isaac González, e a vocalista do grupo Bala, Anxela Baltar.

Esta nova edición do Barbeira Season Fest crece este ano tanto en días como en oferta musical, con máis de 30 grupos e artistas programados durante as cinco xornadas de concertos. León Benavente, Zahara, De Pedro e Triángulo de Amor Bizarro serán os cabezas de cartel dun festival que abrirá o día 31 cunha actuación sorpresa e aínda nos desvelada pola organización.

Escenario Xacobeo

O parque da Palma acollerá o Escenario Vibra Mahou como recinto principal para a música, mentres que a Praza do Concello albergará o Escenario Xacobeo. Ademais, tamén aumenta a proposta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán polo municipio atravesado polo Camiño Portugués da Costa.

Actividades paralelas

A gastronomía estará presente a través do “Rías Baixas. O restaurante máis pequeno do mundo”, que xa está en marcha. Haberá tamén conferencias denominadas “Charlas en chanclas” na biblioteca ou actividades deportivas a través de bautismos de mar en paddle surf. Outras das orixinais propostas é o Hotel Season Zentolo no que 33 habitacións xa foron intervidas por artistas durante os últimos meses e servirán agora para microconcertos.