Fernández-Tapias demanda ao Goberno central que materialice xa a liberación da peaxe en Redondela e axilice as obras compensatorias

A delegada territorial da Xunta mantivo hoxe unha reunión cos colectivos afectados da AP-9: “Tres anos despois seguimos á espera de que se produzan avances”

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, afeou hoxe ao Goberno central a ausencia de avances por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana con respecto á liberalización da peaxe da AP-9 en Redondela e ás obras comprometidas de reposición de servizos e mitigación do impacto do ruído.

Tras manter unha reunión con representantes do colectivo de afectados da AP-9, a Anpa do IES de Chapela e da Asociación de Veciños de Trasmañó, a representante autonómica non ocultou a súa inquietude pola falla de compromiso do Executivo de Sánchez: “Tres anos despois seguimos á espera de que se produzan avances”.

Neste senso, Fernández-Tapias recordou que foi o Goberno de Rajoy o que asumiu este compromiso, do que unicamente se executou o traslado do centro educativo, o CEIP A Igrexa. En canto ao resto de actuacións, as pantallas acústicas e as intervencións nos viarios, acumulan xa un atraso excesivo, causando gran malestar entre o veciños de Redondela.

Referiuse así ás queixas reiteradas da Anpa de Redondela, por las dificultades que supón impartir clases coas condicións de ventilación ás que obriga a situación sanitaria actual e tendo en conta o ruído da autoestrada. Dito isto, Fernández-Tapias urxiu ao Executivo central que aplique xa as medidas compensatorias que se acordaron como contraprestación á ampliación.

“Non sabemos a que está esperando o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, pero desde logo non pode seguir mirando para outro lado mentres os veciños seguen á espera, tres anos despois, das melloras prometidas por Audasa”, incidiu Fernández-Tapias. Segundo informou, a execución destas medidas foi recollida por Real Decreto e incluída nos cálculos das subidas extraordinarias das peaxes, que xa se están a aplicar, pese a que estas intervencións non foron na súa maioría executadas. 

A delegada lembrou que os orzamentos do Estado recollen para este 2021 unha partida de 1,53 millóns de euros para a implantación da gratuidade da peaxe entre Redondela e Vigo e que debería ser de aplicación inmediata, concluíu.