Fernández-Tapias confirma 5 millóns de euros para impulsar 11 obradoiros duais de emprego na área de Vigo

A delegada territorial de Xunta clausurou hoxe o obradoiro xuvenil Formaweb IV que ofreceu a 16 menores de 30 anos formación especializada no desenvolvemento de aplicacións web e sistemas de xestión de información durante os últimos 12 meses

No caso da área territorial, a nova convocatoria permitirá que 206 persoas sen emprego melloren a súa cualificación, ao tempo que acceden a un traballo

A representante autonómica destacou o compromiso do Goberno galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, confirmou que a Xunta financiará con 5 millóns de euros once talleres duais de emprego en 9 concellos da na área de Vigo. Así o anunciou hoxe con motivo da clausura do obradoiro xuvenil Formaweb IV que permitiu, grazas á colaboración entre a administración autonómica e o Concello viguñes, que dezaseis mozas e mozos recibisen formación especializada e accederan a un contrato durante os últimos 12 meses.

Neste sentido, detallou que a nova convocatoria deste programa mixto de formación e emprego, a dirixida á realización de obradoiros duais tamén para maiores de 30 anos, permitirá no caso da área viguesa que 206 persoas sen emprego melloren a súa cualificación ao tempo que acceden a un traballo.  Unha iniciativa da que Fernández-Tapias destacou que incrementa nun 40%, ata os 504.000 euros por taller, o orzamento do pasado ano e o tempo de duración, de 9 a 12 meses.

A representante autonómica enfeitizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos. Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Asemade, Fernández-Tapias subliñou que as actuacións propostas contribúen a mellorar os espazos públicos e a ofrecer servizos de interese xeral e social, incrementando o emprego nos concellos.

Estes obradoiros, que está previsto se poñan en marcha antes de finalizar o ano, ofrecen formación e emprego a 20 persoas, que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e, ao finalizar a etapa formativa, acreditarán as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade.

Concretamente indicou que Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor II; Salceda de Caselas Rehabilita Salceda;  Salvaterra de Miño Salvaterra Emprega II; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa XI; Moaña impulsará o Labora VI; Redondela a terceira edición do Redondela Máis que Bela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porremprego Cualifica; o Concello de Vigo contará cunha nova convocatoria do Vigo Capacita VIII; Mos terá o taller Queda en Mos; a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo o Maiv Dual 2022; e a Mancomunidade de Montes de Vigo un obradoiro forestal.

Ademais, Fernández-Tapias engadiu que catro dos once obradoiros ofrecen incentivos á contratación en empresas da zona, por un mínimo de 3 meses, o que axudará á inserción laboral de 59 persoas na comarca viguesa tras finalizar a súa etapa formativa. É o caso do Moaña Labora VI, Granxa da Rúa XI, Queda en Mos e o Vigo Capacita VIII.

Formaweb

Durante a súa intervención no peche do obradoiro xuvenil Formaweb IV no centro municipal de Teis, Fernández-Tapias animou ao alumnado que vén de rematar a súa formación a “seguir formándose, aproveitar ao máximo a oportunidade que se lle brindou no último ano e a seguir contribuíndo co seu talento a Galicia”.

Nesta mesma liña, proseguiu que se trata de “experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, ao tempo no que salientou a simbiose entre formación e emprego destes obradoiros como fórmula de éxito. Este programa mixto, que contou cun investimento da Xunta próximo aos 370.000 euros, permitiu ao alumnado ofreceu aos 16 menores de 30 anos formación especializada no desenvolvemento de aplicacións web e sistemas de xestión de información.