Feijóo, único candidato á presidencia do PPdeG

Foi avalado por 6.119 afiliados, e ningún outro aspirante entregou as firmas necesarias nun prazo que remataba onte

A Comisión Organizadora do 17º Congreso do PPdeG proclamou oficialmente a Alberto Núñez Feijóo como único candidato á Presidencia do Partido Popular de Galicia, tras ser avalado por 6.119 afiliados e logo de que ningún outro aspirante máis entregase as firmas necesarias nun prazo que remataba o día 16 de xuño.

Precisamente onte Feijóo presentaba a súa candidatura para seguir liderando a formación na nosa Comunidade, recoñecendo que todo o seu compromiso e experiencia están a disposición do seu partido e aclarando que se presenta “non polo que fixen, senón polo que queda por conseguir”.

Deste modo dáse inicio a unha campaña interna na que, aínda que nun formato máis reducido, o candidato presentará o proxecto político que propón para os vindeiros anos.

Como xa avanzou, farao durante a celebración de catro Xuntas Directivas provinciais, comezando por Ourense, o día 21 de
xuño; á que lle seguirá Lugo, o día 28; A Coruña, o día 29; e por último Pontevedra, o día 6 de xullo.