Nun acto celebrado no Círculo de Empresarios, asegurou que “a estabilidade do Goberno en Galicia deu pe aos grandes cambios estruturais vividos en Vigo nos últimos anos”
Respecto do debate electoral, dixo que “había catro candidatos, que representaban a 10 partidos, cun único obxectivo: que Feijóo non volvera a ser Presidente da Xunta”
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia ten que apostar nas vindeiras eleccións autonómicas pola experiencia, a certeza, a confianza e un modelo de convivencia probado, que non ten máis obxectivo que manter a este pobo unido”. Nun acto celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, asegurou que “a estabilidade do goberno en Galicia deu pe aos grandes cambios estruturais vividos nesta cidade nos últimos anos”, sinalando en concreto ao impulso dos sectores da automoción, naval, mar-industria e conserveiro, así como á construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, a Cidade da Xustiza ou a nova depuradora.
Feijóo comezou a súa intervención considerando “útil, necesario e absolutamente imprescindible” para un candidato á Presidencia da Xunta aceptar a invitación do Círculo de Empresarios de Galicia para falar con persoas, institucións, compañías, emprendedores e empresarios que representan maioritariamente o PIB de Galicia. Así mesmo, agradeceu a contribución da presidenta desta organización que participou no Comité de Expertos Económicos creado polo Goberno galego e que puxo a disposición documentos para a elaboración do plan que prevé unha mobilización de 3.000 millóns de euros para reactivar a economía no contexto da pandemia do Covid-19.
Respecto das eleccións que se celebran o vindeiro 12 de xullo, o candidato do PPdeG manifestou que os galegos e galegas teñen dous camiños para escoller: o dun goberno unido ou o dun goberno multipartito; o da experiencia ou o dos experimentos; o das certezas ou o da incerteza; e o da confianza ou o da desconfianza. Neste sentido, engadiu que existe a opción de “manter o modelo de goberno existente en Galicia e non coller modelos importados nin do nacionalismo rupturista de comunidades autónomas como Cataluña nin de modelos socialistas e populistas como o do Goberno central”.
GOBERNO QUE GOBERNE
“Estamos nunha situación inédita porque durante os próximos dous anos imos convivir cunha pandemia que non só vai afectar aos comportamentos sociais individuais e colectivos, senón que vai afectar á economía, aos postos de traballo, ás familias, aos patrimonios e, en definitiva, ao noso benestar”, sinalou. Neste sentido, logo de recordar que hoxe mesmo o Banco de España fixou a caída do PIB español máis dun 5 por cento, subliñou que “os indicadores económicos de todos os organismos nacionais e internacionais din que España estará á cola da recuperación económica no mundo e, por tanto, máis que nunca se necesita un goberno que goberne e un goberno que non teña necesidade de aprender, coordinarse e entenderse”.
Así mesmo, apuntou que “superamos a crise de 2008 e seguintes, superamos o ataque virulento da pandemia e agora se trata de ir amortiguando a pandemia ata que haxa unha vacina, para o que necesitamos un goberno e non un experimento”.
Referíndose en concreto á cidade de Vigo e a súa comarca, Feijóo asegurou que a estabilidade do Goberno en Galicia axudou a impulsar os grandes cambios estruturais vividos nesta zona e manter o seu tecido produtivo. En concreto, lembrou que antes da Covid-19, o sector da automoción en Vigo estaba pasando o mellor momento nos últimos 20 anos; o sector naval galego, despois de Holanda, era o que tiña máis pedidos en carteira de Europa; e o sector mar-industria e o sector conserveiro estaban en récords de exportación.
“Sen o Hospital Público Álvaro Cunqueiro e a remodelación do Meixoeiro non tiñamos capacidade instalada para facer fronte á pandemia porque sería imposible dar asistencia sanitaria no antigo Hospital Xeral”, afirmou, para amosarse “especialmente satisfeito de poder deixar como legado a obra máis importante, clave e estrutural para esta área sanitaria que é o Hospital Álvaro Cunqueiro, máis os dous centros de saúde construídos e o outro en Bouzas que atópase en construción”.
En segundo lugar, citou a depuradora de Vigo, como a obra hidráulica máis importante que fixo a Xunta en 40 anos. “Era un compromiso explícito porque Vigo significa pesca e a pesca en Europa nunha ría contaminada é unha pesca imposible”, indicou.
En terceiro lugar, salientou a posta en marcha do “icono arquitectónico máis importante da cidade: a remodelación do antigo hospital xeral e a construción da Cidade da Xustiza de Vigo, que será a mellor cidade da Xustiza do noroeste español”.
A estas tres actuacións sinaladas, engadiu o cinturón de vías de alta capacidade, sinalando en concreto a autovía do Morrazo, a autopista do mar, o incremento de prazas de garderías, centros de ensino e prazas de dependencia, maiores ou discapacidade.
FALAR DE GALICIA
Por outra banda, cuestionado sobre a súa valoración sobre o debate electoral celebrado onte, Feijóo sinalou que “toda Galicia puido ver que había catro candidatos, que representaban a 10 partidos, e estaban de acordo nun único obxectivo: que o señor Feijóo non volvera a ser Presidente da Xunta”. “E logo había outros dous candidatos, que tamén tiñan ese obxectivo pero chegando por camiños distintos”, ante os que alertou de que “calquera voto que vaia cara eles é un voto que resta posibilidades ao PPdeG de conseguir a maioría suficiente para gobernar”. “Falouse moito de Feijóo, Feijóo e Feijóo e eu intentei falar de Galicia, Galicia, Galicia porque ese é o meu programa electoral, o meu compromiso persoal e a miña vida política”, subliñou. En resumo, dixo que “tentei falar aos galegos e os outros non presentaron un proxecto alternativo, senón que o único que une ao multipartido é que o PPdeG non saque a maioría”.

