Feijóo, nos Peares: «As eleccións non van de candidatos ou disputas senón do futuro de Galicia»

Apunta que a campaña non será nin de descualificacións, palabras baleiras nin de división, senón que se baseará na xestión, no balance, nun proxecto e na unidade

Recalca que o PPdeG é o único de aportar un proxecto de futuro sólido, que se asente da experiencia e mire cara ao futuro que favoreza a reactivación de Galicia

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que Galicia necesita experiencia, estabilidade, emprego, crecemento e futuro. Así, avogou por quince días nos que estar centrados nas preocupacións e nas inquedanzas dos galegos. E é que, tal e como indicou, “isto non vai de partidos, nin de candidatos, nin de disputas. Isto vai de Galicia”.

Sostivo que serán quince días de compaña para escoitar as inquedanzas dos galegos, explicar o programa, recordar o moito que evolucionou Galicia nestes últimos once anos, presentar o balance de todo o feito e, tamén, para debullar un proxecto de unidade. “Quince días que comezan onde teñen que comezar: nos Peares”.

UN LUGAR EXCEPCIONAL PARA UNHA CAMPAÑA EXCEPCIONAL

“Se non fose de aquí, non sería Alberto Núñez Feijóo”, remarcou, ao tempo que asegurou que esta vila é o único lugar onde lle gusta empezar a campaña.

Apuntou que, precisamente, a este lugar lle debe unha forma de entender a política, como punto de encontro, foro de diálogo e como busca de consensos. Ao tempo que tamén asegurou que lle debe un xeito de entender o servizo público máis alá das fronteiras administrativas: “Non valen para nada as fronteiras que se levantan con muros”.

AS CATRO GALICIAS

Tal e como salientou, a reactivación de Galicia non pode vir da man da improvisación nin de dogmatismos. Porén, garantiu que só o PPdeG é quen de ofrecer un proxecto de futuro sólido, que se asente da experiencia e mire cara ao futuro.

Neste punto, referiuse aos catro eixes do programa electoral: a Galicia innovadora, a Galicia verde, a Galicia moza e a Galicia familiar. Catro eixes, engadiu, que naceron nos Peares, xa que, cando fala da Galicia innovadora pensa nas familias que traballaron para converter esta zona en toda unha potencia hidroeléctrica; cando fala da Galicia verde ten na mente á Ribeira Sacra; cando fala da Galicia moza recorda a súa infancia; e, cando fala da Galicia familiar, pensa nos valores que lle ensinou a súa familia.

Así, recalcou que a campaña do PPdeG non será nin de descualificacións, dogmas, palabras baleiras nin de división, senón que se baseará na xestión e nas respostas, no balance, nun proxecto e na unidade.  

TRANSMITIR CONFIANZA

Por outra banda, recordou os once anos á fronte do Goberno galego nos que houbo que lidiar con situacións incertas. Unha tarefa, apuntou, que non foi fácil e recordou así os anos de crise económica, de ameaza de rescate e de inestabilidade política. E este ano, vólvese nun momento difícil tras “o ataque brutal” do Covid-19. “Eu quero ser presidente de Galicia por cuarta vez, porque quero seguir servindo a Galicia por cuarta vez”, remarcou Feijóo, que garantiu traballo e estar a disposición dos galegos. Así, dixo que empeza neste lugar “excepcional” unha campaña na que tamén vai ser excepcional, xa que o obxectivo é “gañar por cuarta vez consecutiva e conseguir a cuarta maioría absoluta consecutiva”, nunha España fragmentada e multipartita.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí