Facultativos da Unidade da dor obteñen un recoñecemento nacional por un estudo sobre a neuralxia do nervio pudendo

O seu traballo sobre a mellor técnica no uso da radiofrecuencia pulsada logrou o premio á mellor comunicación oral no recente congreso da Sociedade Española da Dor

Facultativos da Unidade da Dor da Área Sanitaria de Vigo obtiveron un recoñecemento nacional por un estudo sobre a mellor técnica de abordaxe da neuralxia do nervio pudendo. En concreto, o traballo versou sobre o uso de radiofrecuencia pulsada e a mellor forma de abordar esta técnica no paciente. A comunicación sobre o estudo presentouse no recente congreso da Sociedade Española da Dor, celebrado en Bilbao. Alí obtiveron o premio á mellor comunicación oral.

“A neuralxia do pudendo constitúe unha causa de dor perineal moi intensa e  incapacitante. Os pacientes adoitan presentar dor, con frecuencia unilateral, na área de  inervación do nervio pudendo tanto na zona  perianal como nos órganos xenitais  femininos e masculinos”, explica Gustavo Illodo, facultativo da Unidade da Dor.

Para tratar a neuralxia do pudendo existen tratamentos farmacolóxicos, rehabilitadores e mesmo cirúrxicos. Con frecuencia, os casos refractarios a estes tratamentos son remitidos ás unidades de dor crónica. Nestes pacientes a radiofrecuencia pulsada (RFP) constitúe unha alternativa terapéutica pouco invasiva e con mínimos efectos secundarios.

Vías de abordaxe da Radiofrecuencia

A radiofrecuencia consiste en aplicar unha voltaxe, mediante un aparello denominado xerador de radiofrecuencia, á punta dunha agulla situada o máis preto posible aos nervios. Esta voltaxe xera un aumento de temperatura ao redor do extremo da agulla que se transmite aos nervios a tratar, provocando un efecto analxésico, sen afectar as capacidades motoras e sensitivas normais do nervio.

Para abordar o nervio  pudendo mediante a radiofrecuencia pulsada existen varias vías:  transglútea,  transforaminal e epidural. “A RFP do nervio pudendo polas tres vías é efectiva e segura para o manexo dos casos de  neuralxia, pero a vía  epidural pode ser a alternativa máis eficaz cun bo perfil de seguridade e mellores resultados que as outras dúas  técnicas” subliña o doutor  Illodo, que realizou o estudo xunto a Laura García Reza, Noelia Rodríguez Castro e Carmen  Llams Pernas.

Foi precisamente esa aposta pola vía epidural para o tratamento a que lles fixo merecedores do recoñecemento no congreso nacional, co seu estudo titulado “Cal é a mellor abordaxe para a radiofrecuencia pulsada na  neuralxia do  pudendo?”.