Eu son UVigo! pon cara a algúns dos egresados e investigadores máis recoñecidos da institución

A exposición percorrerá centros de secundaria, culturais e sociais de toda Galicia, e desde o luns xa se pode visitar nos IES San Tomé de Freixeiro de Vigo e Ramón Otero Pedrayo de Ourense

Que teñen en común a escritora Ledicia Costas, o actor David Amor, os enxeñeiros Diego Nodar e Bibiana Rodiño e a bióloga Alba Aguión? Dunha banda, o seu paso pola UVigo, ben como estudante, ben como docente ou investigador ou investigadora, e pola outra, a súa participación en Eu son UVigo!, a exposición que desde hoxe percorrerá centros de ensino secundario, así como centros culturais e sociais, das catro provincias galegas co obxectivo de dar a coñecer a potenciais estudantes da UVigo os perfís de persoas que acadaron o recoñecemento profesional e que ben, son egresadas, o ben, actualmente desenvolven a súa actividade na institución académica viguesa. 

Os 17 cubos que conforman a mostra, que hoxe se inaugurou nun acto celebrado no IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, e que tamén se poden visitar no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, percorrerán simultaneamente as catro provincias galegas de xeito itinerante e a demanda, para difundir a imaxe a UVigo como centro de prestixio que prepara para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento, tamén o artístico e humanístico, ademais dos tradicionais científico e tecnolóxico, cos que se lle identifica habitualmente, ademais de fomentar entre o alumnado non universitario a creatividade literaria e lingüística, a curiosidade científica e a procura da innovación a partir do fitos acadados por egresados da UVigo.

Na inauguración da mostra, o reitor, Manuel Reigosa, destacou o papel fundamental do ensino medio e a importancia de que “as rapazas e o rapaces atopen o seu camiño”, para o que deben ter unha visión ampla do que lle ofrece a universidade da contorna. “O sistema universitario galego é moi bo, a nosa universidade está recoñecida en moitos ránkings como unha das mellores do mundo e polo tanto, creo que temos a posibilidade de aproveitar ese esforzo e talento das rapazas e rapaces galegos que nos poden levar a un futuro mellor”, dixo o reitor. 

A vicerreitora Natalia Caparrini foi encargada de destacar os obxectivos da mostra que persegue, dixo, “amosar o talento que sae da Universidade de Vigo, así como o que a universidade pode chegar a facer”, a través de 17 que reflicten nas súas caras a traxectoria profesional e persoal doutras tantas persoas egresadas ou que desenvolven a súa actividade na institución académica, a través dunha fotografía, unha pequena biografía e unha frase propia co obxectivo de motivar ás persoas que acudan a visitar a mostra.

Caparrini tamén incidiu en que a exposición, na que as e os protagonistas están divididos por ámbitos de coñecemento, identificables cada un cunha cor, amosa a mulleres “referentes próximas e actuais, que son emprendedoras, investigadoras, científicas, creadoras e innovadoras”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UVigo destacou na inauguración o labor que as universidades deben facer ao recibir ao alumando e tamén cando este remata os seus estudos “como acompañantes activos e factores de acomodación á súa nova situación”, dixo Pedrosa. Mentres, María Rocío Sio directora do IES San Tomé de Freixeiro sinalou que os cubos representan a culminación dunha traxectoria, ao tempo que asegurou que “é un bo momento para facer un punto inflexión na cultura do esforzo a para poñer en valor á Universidade de Vigo que é unha grande universidade e susténtase co esforzo de moitos profesionais”. 

As caras da mostra 

En representación das e dos protagonistas da mostra, a enxeñeira Bibiana Rodiño, fundadora e CEO e de BETA Implants ,empresa de enxeñaría que desenvolve e fabrica implantes e próteses para animais, lembrou a súa traxectoria académica na Universidade de Vigo, asegurando que “eu son moi UVigo”. Rodiño asegurou que lle encantaría ter xente próxima e actual na que inspirarse cando estudaba bacharelato e asegurou sentirse encantada de “poder ver a súa cara nun instituto”. Pola súa banda o ilustrador infantil e egresado en Belas Artes pola UVigo, Federico Fernández destacou o “caldo de cultivo que se xera na universidade e que me motivou a dedicarme ao que me dedico”, sinalou o debuxante, que recibiu o Premio Nacional de Ilustración 2002 polo libro Onde perdeu Lúa a risa?

O docente e investigador e colaborador de Netflix na optimización da subtitulación Pablo Romero; o graduado en Tradución e Interpretación, que desenvolveu a súa traxectoria en empresas como GoPro, Netflix e Spotify, Martiño Prada; a licenciada en Tradución e Interpretación e Premio Nacional de Tradución 2014, Eva Almazán; a egresada en Belas Artes e deseñadora de reloxos para Swatch en Suiza, Sheila Pazos; e a tamén titulada en Belas Artes, Abi Castillo, ceramista e colaboradora do grupo Inditex no proxecto Women in Art 2019, son os protagonistas, xunto a Federico Fernandez, do ámbito de Artes e Humanidades da mostra.

Pola súa banda, a escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e licenciada en Dereito, Ledicia Costas; a doutora en Comunicación Audiovisual e investigadora no ámbito dos Games Studies, Beatriz Legerén; o egresado en Educación e Traballo Social e nominado a mellor docente de España en 2020, Millán Brea; o actor e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, David Amor e o egresado en ADE e promotor  da innovación e a sustentabilidade no departamento de vendas e mercadotecnia en Tesla, Jesús Cal, protagonizan a exposición no ámbito das Ciencias Sociais.

O graduado en Enxeñaría de Telecomunicación, integrante da Agrupación Aeroespacial da UVigo que lanzou ao espazo os satélites Xatcobeo, Serpens, Humsat-D e Lume-I e fundador da empresa Alen Space, Diego Nodar; e a enxeñeira técnica superior na especialidade de organización industrial e responsable da Área Loxística do grupo Inditex, Lorena Alba Castro, son as caras, xunto a Bibiana Rodiño do ámbito da Enxeñaría. E xa no ámbito das Ciencias, a investigadora principal do grupo de Química Coloidal, Lorena Vázquez; o catedrático de Nutrición e Bromatoloxía e seleccionado como investigador altamente citado en 2018 e 2020, Jesús Simal e a biológa mariña e zoóloga e divulgadora, Alba Aguión protagonizan a mostra Eu son UVigo!

Logo da súa inauguración este venres en Vigo e Ourense, a mostra Eu son UVigo! poderá visitarse tamén, a partir da vindeira semana, no IES Eusebio da Guarda en A Coruña e no IES Lucus Augusti en Lugo.