O hospital acolle o XXV Curso de Investigación en Psiquiatría, organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría
Nesta edición realizarase unha homenaxe ao Dr. Germán Berrios, catedrático emérito da Universidade de Cambridge
Coa presencia no acto inaugural do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; e a directora Asistencial da Área Sanitaria de Vigo, Esther Casal Rodríguez, este mediodía comezou no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro o XXV Curso de Investigación en Psiquiatría, organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría (AGP).
Na inauguración deuse a benvida aos relatores e participantes neste curso, mentres que o doutor José Manuel Olivares, Xefe do Servizo de Psiquiatría da Área sanitaria de Vigo e investigador principal do Grupo Neurociencia Translacional do IIS Galicia Sur, agradeceu, como co-coordinador deste evento, a presenza de participantes e relatores ao longo deste cuarto de século, así como o apoio prestado por empresas e institucións.
Así mesmo, nesta presentación fíxose unha especial mención a un dos relatores asistentes, o doutor Germán Berrios, catedrático emérito de Epistemoloxía e Psiquiatría da británica Universidade de Cambridge, ao que se lle agradeceu a súa colaboración permanente con estes cursos impartindo sempre unha conferencia maxistral e, tal e como subliñaron o Dr. Olivares e o Dr. José Ramón Villamarín (o outro co-coordinador do curso) un dos principais impulsores da celebración destes encontros anuais.
Como broche desta homenaxe, os participantes neste XXV Curso serán agasallados coa última edición en castelán da súa derradeira publicación.
Psiquiatría baixo a perspectiva das ciencias naturais e sociais
Dentro deste recoñecemento ao Dr. Berrios, a primeira conferencia programada deste curso será a cargo do Dr. Rogelio Luque, coa súa exposición: “German E. Berrios y el Grupo de Epistemología y Psicopatología de Cambridge”.
Xa na sesión de tarde, serán os doutores Fernando Castro Soubriet (científico titular do Instituto Cajal-CSIC, co relatorio: Cajal y su escuela), Manuel Bousoño García (Psiquiatra profesor titular da Universidade de Oviedo, co relatorio: Teoría del Pensamiento Creativo: cómo se generan las ideas) e Fernando Mora Mínguez (Psiquiatra no Hospital Universitario Infanta Leonor e profesor asociado de Psiquiatría na Universidade Complutense de Madrid, coa exposición: Depresión difícil de tratar: de la lobotomía a la neurociencia) os que completan o programa do venres.
Xa, no sábado os relatorios correrán a cargo dos doutores Benedikt L. Amann, xefe da Unidade de Subagudos do Hospital de Día do Hospital del Mar e profesor asociado da Universidade Pompeu Fabra, de Barcelona (Trauma psicológico y su impacto a nivel de salud mental y somática); José M. Villagrán Moreno, xefe de Sección Psiquiatría da Unidade de Xerez e profesor asociado da Universidade de Cádiz (Psicogénesis y mecanismos explicativos de los trastornos mentales). O curso rematará o sábado, 28 de setembro, ao mediodía coa conferencia maxistral do profesor Germán Barrios: Norma y normalidad en psiquiatría.

