Especialistas en cirurxía de España fórmanse no Álvaro Cunqueiro en intervencións bariátricas

O servizo de Cirurxía xeral e dixestiva desenvolveu un curso práctico e teórico sobre as novas técnicas laparoscópicas que empregan nesta cirurxía

O pasado ano, o Chuvi  realízou 140 intervencións deste tipo

O servizo de Cirurxía xeral e dixestiva do Chuvi impartiu unha nova edición do curso “Medical expert training de Bariátrica”, no que participaron especialistas en cirurxía xeral dos centros hospitalarios de Madrid, Alicante e Valencia. Os participantes puideron asistir a sete intervencións cirúrxicas nos quirófanos do hospital vigués e a sesións sobre casos reais.

O servizo de cirurxía xeral tense convertido nun centro docente de referencia internacional, xa que organiza 4 cursos anuais de cirurxía bariátrica nos que participan especialistas toda España, e doutros países europeos. O pasado mes de novembro tamén achegáronse cirurxiáns de Polonia e Italia para aprender astécnicaslaparoscópicas de porto reducido e porto único que se empregan no Álvaro Cunqueiro; isto é, aquelas minimamente invasivas nas que se realiza a cirurxía a través do embigo (e non deixa cicatriz).

 140 cirurxías bariátricas

A cirurxía bariátrica está indicada naqueles pacientes con obesidade mórbida nos que fracasaron tratamentos previos. A maior parte dos obesos que se someten a esta intervención pesan entre 120-190 quilos. O pasado ano, o Chuvi realizou 140 intervencións deste tipo.

Trátase dunha operación complicada, polo que os criterios de selección dos pacientes son moi rigorosos, cun protocolo estrito no que se valora, ademais do seu estado físico, o psíquico, o seu nivel de comprensión e o seu compromiso de colaborar no seguimento posterior, xa que son pacientes que despois da intervención están obrigados a observar uns coidados serios e uns hábitos de vida saudables.

Normalmente este tipo de intervencións realízanse mediante procedementos minimamente invasivos, que teñen a vantaxe de que o paciente se recupera antes da operación e redúcense as posibilidades de infeccións. Os resultados que se logran con esta cirurxía son moi satisfactorios xa que o 80% dos pacientes perden o peso que necesitan para mellorar as súas morbilidades e calidade de vida.