Enxeñería de Organización Industrial cumpre 35 anos “imaxinando o futuro”

Dende a EEI destacan que as empresas demandan máis titulados dos que saen ao mercado

A titulación de Enxeñería en Organización Industrial cumpre 35 anos ‘imaxinando o futuro’, pero tamén 35 anos organizándoo e xestionándoo. Para celebralo, e baixo este lema, a Escola de Enxeñería Industrial e o Grupo de Ingeniería de Organización presentaron este luns un programa de actividades que se vai desenvolver ao longo de todo o ano 2020 e que inclúe xornadas técnicas e visitas a institutos para presentar ao potencial alumnado “unha das ramas da enxeñaría con maior demanda por parte das empresas”, como resaltaba na rolda de prensa Carlos Prado, director do GIO. Nestes 35 anos, primeiro como especialidade e logo como grao, foron máis de 2000 os egresados e egresadas, dende os seis da primeira promoción ata os preto de 65 que se matriculan actualmente en 1º cada ano.

Juan Pardo, director da EEI, explicaba que para a escola é “unha enorme satisfacción que, tras 35 anos, a titulación siga estando de plena actualidade, cunha demanda crecente e pechando a matrícula con moi boas cifras”, algo que considera “responde á necesidade real que teñen as empresas destes titulados e tituladas”, que se caracterizan pola súa polivalencia e versatilidade para traballar en diferentes sectores, “un valor engadido da titulación”.

De feito, tanto Pardo como Prado puxeron de manifesto que a escola non é quen de cubrir a demanda de profesionais que ten o mercado laboral, ao tempo que recalcaban que, fronte ao que sucede noutras ramas da enxeñaría, Organización Industrial ten unha alta porcentaxe de alumando feminino, algo que se reflicte no programa das xornadas. “Isto é tamén un motivo de orgullo e satisfacción e demostra que a enxeñaría tamén é para as mulleres”, puntualizaba Ana Mejías, docente, subdirectora da escola, concelleira de I+D e antiga alumna desta titulación, que tamén expresaba o seu desexo que este equilibrio de xénero se poida trasladar ao resto de graos da EEI.

Sobre a evolución dos estudos e da profesión nestes 35 anos, Mejías destacou dous aspectos “moi importantes que non cambiaron ao longo deste tempo”. Por unha banda, lembraba que se trata dunha das titulacións nas que o alumnado é máis vocacional e, por outra, puña o valor o perfil polivalente destes profesionais que poden traballar en sectores moi diversos. T

amén lembrou a contorna industrial actual está “marcada pola tecnoloxía e a Industria 4.0” e neste contexto, as e os enxeñeiros en Organización Industrial desenvolven un papel fundamental, “cohesionando a posta en marcha desa transición cara a tecnoloxía, exercendo como unha especie de enlaces ou tradutores entre a parte estratéxica da empresa (dende a planificación de políticas comerciais, produtivas, organizativas e loxísticas) e ese eido tecnolóxico”.

O mercado precisa máis titulados e tituladas en Organización Industrial

Sobre a demanda de titulados e tituladas de Organización Industrial, tanto Juan Pardo como Carlos Prado puxeron de manifesto un “problema” que require ser atallado, porque “o tecido industrial precisa máis profesionais dos que a escola é quen de proporcionar” e, por iso, fixeron un chamamento ao futuro alumnado para que valore esta opción, “que lles suporá unha taxa de inserción laboral moi elevada”. Con todo, o director da escola remarcaba que a solución non pasa por ampliar o número de prazas, “xa que pechamos a matrícula con moi boas cifras”, senón de ser quen de incrementar a porcentaxe de persoas que rematan a carreira e presentan o seu TFG en cada promoción. 

Cinco xornadas técnicas ao longo do ano

Para a celebración deste 35 aniversario, o Grupo de Ingeniería Industrial deseñou un programa de xornadas técnicas que serán impartidas por profesionais que cursaron os seus estudos no campus vigués, aos que Carlos Prado quixo agradecer a “súa total dispoñibilidade para participar nun evento da que foi a súa escola”. Explicaba que “moitos dos nosos egresados traballan no eido da loxística ou a cadea de subministro, en campos relacionados coa produción, as compras, a distribución, etc.” pero remarcaba que se trata dunha profesión moi versátil, pola visión integral da empresa que teñen uns profesionais cun perfil tanto técnico como xestor.

Así, ao longo das cinco xornadas presentaranse as diversas saídas profesionais das e dos titulados, sendo a primeira das citas mañá martes. A partir das 12.00 na sede da EEI do campus, a mesa redonda contará coa participación de Berta Alonso, do Departamento de Sostenibilidade Social en Inditex; Pablo Carrera, associate-financial Services Consulting en KPMG; Teresa Martínez, coordinadora de ventas e loxística en ELMAR Frozen Food; Sonia Cabarcos, responsable do Departamento de Nueva Edificación y Eficiencia Energética en Saunier Duval e Álvaro Crespo, xefe de Área dos Servizos Xerais do Concello de Vigo. Entre os cinco analizarán precisamente este perfil polivalente das e dos enxeñeiros de Organización Industrial, “persoas que poden desenvolver a súa actividade practicamente en calquera sector e actividade e tamaño de empresa”, explicaba Prado.

A segunda xornada será o 10 de marzo e centrarase no proceso de inserción laboral dos novos titulados e tituladas e, xa no mes de setembro celebrarase a terceira xornada, que abordará o papel destes profesionais como emprendedores e na Industria 4.0. A penúltima xornada será en outubro e versará sobre a presenza das e dos titulados na alta dirección, con representantes das “máis importantes empresas e sectores galegos para, dalgunha maneira, recoñecer o seu papel e amosar aos egresados que o futuro pode levalos a ocupar os máis altos cargos de responsabilidade nas empresas”. O programa pecharase o 27 de novembro cunha conferencia de clausura e unha cena de confraternización “que pretende reunir aos ex-alumnos para que se poidan reunir as diferentes promocións”, concluía Carlos Prado.