Educación e Foanpas visitan o CEIP García Barbón para comprobar a organización do servizo de comedor escolar

O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e os representante de FOANPAS.

O xefe territorial de Educación e o representante da Federación de Anpas da área de Vigo coinciden na vontade de que os comedores escolares entren a funcionar o vindeiro curso con todas as garantías sanitarias e xurídicas

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, acompañado dun representante da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS), visitou esta mañá o CEIP García Barbón -un dos que concentra maior número de alumnos- para comprobar «in situ» as necesidades de organización do comedor escolar deste centro de cara ao vindeiro curso, e avanzar nas distintas posibilidades dun servizo que neste caso xestiona a dita Federación.

No encontro participaron tamén representantes da Unidade Técnica de Obras da Xefatura territorial, e do equipo directivo do CEIP García Barbón.

Na visita, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e o representante de FOANPAS expresaron a vontade de que todos os comedores escolares da área de Vigo xestionados por esta Federación entren a funcionar o vindeiro curso con todas as garantías sanitarias e xurídicas. Por tal motivo, FOANPAS vai enviar á Consellería unha proposta de organización dos comedores que será avaliada polas autoridades educativas e sanitarias.

A visita desta mañá enmárcase dentro do acordo de coordinación acadado na reunión de traballo celebrada a semana pasada en Vigo entre a Consellería e FOANPAS, na cal se acordou intensificar a súa colaboración e coordinación co obxectivo de garantir o bo funcionamento do servizo de comedor escolar xestionado por dita entidade nos centros da área olívica de cara ao próximo curso.

Educación agradece, de novo, a liña de colaboración aberta con FOANPAS, e a vontade de diálogo amosada polos seus representantes para chegar a acordos consensuados que redundarán no beneficio do conxunto dos escolares da área de Vigo; así como a colaboración e implicación dos equipos directivos dos centros para a aplicación do Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021.

Encontro ‘virtual’ co alcalde

Pese a este acordo, hoxe mesmo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantiña unha videoconferencia cos responsables da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo que, segundo o rexedor, lle trasladaron as dificultades que teñen para prestar os servizos de comedor o próximo curso respectando o protocolo sanitario.

Caballero amosou o seu recoñecemento ao servizo que presta Foanpas que é «moi importante porque practicamente tódolos comedores de tódolos colexios de Vigo» son xestionados pola entidade. Neste marco, apuntou que apoia que o protocolo sanitario en comedores «sexa o máis estrito posible«. Pese a todo, considera que a Xunta quen ten que facerse cargo do sobreprezo porque este «non se pode derivar aos nenos e nenas».