Edificios públicos de Vigo iluminaranse de vermello polo Día Mundial da Hemofilia

O edificio administrativo da Xunta de Galicia e a escultura O Titán do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo estarán iluminados desta cor

O 17 de abril conmemórase o Día Mundial da Hemofilia. Dende a Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO), entidade membro de COGAMI, van levar a cabo unha campaña de visibilización coa iluminación de edificios públicos para sensibilizar sobre unha doenza que en Galicia supera a cifra de 300 persoas afectadas, 3.000 no Estado Español.

No caso de Vigo, o edificio administrativo da Xunta de Galicia e a escultura O Titán do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo estarán iluminados de vermello.

No resto de concellos galegos, A Coruña iluminará de vermello a Fonte de Catro Camiños; Santiago de Compostela, o Pazo de Raxoi; Ferrol, o Pazo Municipal; Lugo, a Casa Consistorial; Ourense, a Ponte Romana; Pontevedra, o Pazo Provincial; e Tomiño, o edificio do Concello.

AGADHEMO pide tamén a colaboración de toda a cidadanía para que difundan nas súas redes sociais tanto fotos cos edificios públicos tinguidos de vermello como tamén ataviados con algunha prenda de vestir vermella utilizando os hashtags #diamundialhemofilia #whd2024 e mencionando a entidade @agadhemo.