Consideran que esta inclusión axudaría a salvagardar aqueles valores que a identifican e caracterizan, a mellorar a calidade da contorna e contribuirían á conservación da biodiversidade do ecosistema dunar
Sinalan que a maioría das especies nomeadas no Plan de Conservación do ENIL proviñan principalmente da praia da Calzoa e o seu estuario, e a súa presenza viuse seriamente comprometida a causa do impacto producido nesta zona coa designación de espazo canino
Ecoloxistas en Acción Vigo solicitou hoxe a protección urxente do ecosistema natural praia-duna da Calzoa e Xunqueira do Lagares. Este ecosistema dunar obxecto concreto de protección, forma parte dun todo que se estendía, ata os anos 60, pola franxa litoral que abarca desde O Vao ata Samil, e do que todavía se conserva parte importante nas, colindantes ao ENIL, praias da Fontaíña e A Calzoa.
Os valores naturais máis destacados no Plan de Conservación, lembran desde a Asociación, no referinte ás especies de flora e fauna, atópanse representados tamén nas praias mencionadas, principalmente no concreto areal da Calzoa, o que se caracteriza pola súa privilexiada situación xunto ao humidal máis importante do municipio vigués (Xunqueira do Lagares) o que lle confire unha notable importancia dende o punto de vista da biodiversidade.
Tanto os ecosistemas dunares como os humidais son ecosistemas escasos e ameazados, moi valorados polas políticas medioambientais europeas, de maneira que sería necesario desprazarse cara ao noreste ata a enseada de San Simón (municipio de Redondela), e cara ao sur ata o estuario do río Miñor (municipios de Nigrán- Baiona) para atopar unha contorna de características similares.
Os obxectivos e principios da declaración do ENIL Vao-Baluartemarcados pola administración autonómica e presentados polo Concello de Vigo no seu Plan de Conservación, son proporcionar conectividade ao territorio, preservando a funcionalidade dos ecosistemas e evitando a súa fragmentación, preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural, contribuír á diversidade e riqueza paisaxística, definir unha superficie continua ao longo de toda a costa para salvagardar aqueles valores que a identifican e caracterizan dende o punto de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxísticos e mellorar a calidade da contorna e os areais dos sistemas areal-duna.
Ecoloxistas en Acción entende que nos sistemas dunares das praias de Fontaíña e A Calzoa urxe unha actuación de protección, principalmente neste segundo, debido á profunda compactación á que se viu sometido o seu límite superior nos dous últimos anos, causada pola constante trasfega de maquinaria pesada destinada á retirada de algas e limpeza de residuos domésticos e excrementos, intensificada con motivo da súa designación como praia canina.
A asociación sinala que o obxectivo primordial de promover a declaración definitiva como ENIL desta contorna é “contribuír á conservación da biodiversidade” e faise especial mención no Plan de Protección á fauna, “destacando sobre o resto as aves”. Por este motivo, consideran «imprescindible ter en conta a innegable relación da contorna da Calzoa e a Xunqueira do Lagares coa presenza destas especies no ENIL». «As observacións ornitolóxicas realizadas nos últimos anos evidencian o alarmante declive de especies e de número de individuos neste tramo de costa, consecuencia da declaración da Calzoa como praia canina», conclúen.

