A organización avoga por «non deixar que o asfalto e o cemento gañen máis terreo ao verde», e considera que este espazo no barrio «ampliaría o cativo parque infantil aledaño» e «tería fácil conexión coa Vía Verde»
Ecoloxistas en Acción Vigo amnosou hoxe o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza de Fátima, que demanda que se aproveite o espazo previsto para impulsar un aparcamento no barrio para a realización dunha zona verde.
A organización lembra que o 15 de decembro de 2020, a Xerencia de Urbanismo concedeu a Parkingal S.L. licencia de obras para implantar dito parking provisional de 5.000 m2 con capacidade para 200 coches. No obstante, o terreo sobre o que se construirá o aparcamento está no ámbito do PERI IV-03 Vía Norte-Travesía de Vigo, aínda sen desenvolver.
Neste marco, Ecoloxistas en Acción subliña que o barrio de Fátima «carece de zonas verdes, como boa parte dos barrios do centro, sendo as máis cercanas o Parque do Castro e o Parque de Castrelos».
Para a organización ecoloxista esta proposta sería «unha boa oportunidade para acondicionar un espazo con árbores e zonas de esparcemento que ampliaría o cativo parque infantil aledaño e que tería fácil conexión coa Vía Verde que pasa ao seu carón».
Ademais, Ecoloxistas en Acción considera que a construcción do parking pode supoñer un «efecto chamada para os coche», unido ao que vai xerar o Centro Comercial Vialia na estación de Urzaiz. A organización denuncia que «en vez de liberar espazos para peóns e bicicletas, de pacificar o tráfico é de apostar polo transporte público estase fomentando o uso do coche privado, incrementando o tráfico e a contaminación nunha cidade que xa é un continuo caos circulatorio».
Ecoloxistas en Acción propón que no novo PXOM se inclua a reorientación deste espazo urbano cun «novo uso de lecer natural diferente ao de aparcamento ou residencial». Deste xeito, apuntan, estaríase a impulsar un «novo modelo de cidade, máis ecolóxica, máis amable co peon e o ciclista, e que teña na biodiversidade un dos seus pilares fundamentais».
Asimismo, a organización lembra que o ano pasado presentou no concello a súa proposta de Bosque Urbano. Unha iniciativa que aposta polas áreas verdes en parques e rúas de tal xeito que cada barrio teña como mínimo unha área de referencia deste tipo cun nivel de superficie axeitado, especialmente nos deficitarios nelas.
Desde a organización ecoloxista avogan por «non deixar que o asfalto e o cemento gañen máis terreo ao verde», e reclaman que deben aproveitarse as zonas baleiras entre rúas para parques e xardíns.

