Ecoloxistas en Acción presenta alegacións ao plan especial para as instalacións deportivas do Celta nos montes comunais de Mos

Vista aérea da futura cidade deportiva do Celta.

A asociación considera que dito plan non é viable nin por razóns xurídicas, nin por razóns ambientais, e tampouco por razóns de oportunidade desde o punto de vista do interese público

Ecoloxistas en Acción vai presentar alegacións ao plan especial para as instalacións deportivas do Celta nos montes comunais de Mos. A asociación considera que o denominado ‘Plan especial de  infraestruturas e dotacións para instalacións deportivas do Real Club Celta de Vigo, S.A.D.’ non é viable nin por razóns xurídicas, nin por razóns ambientais, e tampouco por razóns de oportunidade desde o punto de vista do interese público. Por este motivo, e segundo informan nun comunicado, solicitan que se denegue a súa aprobación definitiva, arquivando o procedemento administrativo iniciado.

Neste marco, a orgnización insiste na súa denuncia de que a intención do proxecto pasa por «recalificar monte comunal cando non existe demanda social das instalacións deportivas (…), nin estarán destinadas a uso ou servizo público ou do común dos cidadáns. Só satisfacer os desexos dunha sociedade mercantil».

Ecoloxistas en Acción entende que os campos de futbol son un «cabalo de Troia para implementar usos comerciais e terciarios nun solo rústico de especial protección». Motivo polo que, na súa opinión, se está a incurrir nun «claro fraude de lei, pois forma parte dunha actuación moito máis ampla, que ao día da data carece por completo de cobertura xurídica».

O colectivo insiste en que o dimensionamento do plan «é moi superior ás necesidades reais da actuación que teoricamente se expón: uns campos de adestramento ao aire libre, e as instalacións complementarias imprescindibles para desenvolver a actividade deportiva».

Para a asociación, «hai relevantes problemas de mobilidade, fronte aos que o Plan Especial non expón ningunha solución real». Entre outros aspectos sinalan:

  • Os accesos ás instalacións que se pretenden implementar, así como a asunción dos custos vinculados aos mesmos.
  • Con carácter xeral, a saturación das principais vías de acceso ás “dotacións deportivas” (a VG-20 e a avenida Clara Campoamor, a AP-9 -Puxeiros e a A-55).
  • A inexistencia de transporte público relevante, e a necesaria implicación do  Concello de Vigo para liquidar esta problemática, fronte á que xa manifestou a súa oposición, á marxe de indicar a inviabilidade do proxecto desde o punto de vista da ordenación do territorio, a mobilidade e o urbanismo.