Ecoloxistas en Acción denuncia a mala situación das masas de auga costeiras das Rías Baixas

Playa del Con, Moaña. Foto: Turismo de Galicia.

Alertan que segundo os informes do Miterd destacan dúas zonas moi contaminadas,  a ría de Aurosa, na contorna de Vilagarcía, con impactos por contaminación por materia orgánica e a ría de Vigo, na contorna de Moaña, con impactos por contaminación química

A organización ecoloxista sinala que segundo o programa de seguimento denominado  BM-bio do Miterd, que avalía o impacto dos lixos na  biota mariña na demarcación  noratlántica, atopáronse microplásticos no 96% dos mexillóns analizados e no 100% dos cetáceos varados

Ecoloxistas en Acción resalta que as verteduras contaminantes ademais de afectar ao medio mariño, ás zonas de Rede Natura e actividades humanas que requiren de boa calidade das auga, esta contaminación das augas litorais tamén afectan gravemente a toda actividade económica relacionada co mar, en especial a acuicultura e marisqueo.

Unha das afeccións máis cotías é polo alto nivel de E. coli ou doutras bacterias asociadas ás verteduras de augas de refugallo urbanas e que indican o grao de contaminación fecal. Pero tamén hai que ter en conta o envelenamento das augas por altas concentracións de metais pesados, substancias  haloxenadas, hidrocarburos aromáticos policíclicos, fitoplancto produtor de toxinas, etc. procedentes da nula ou mala xestión dos residuos industriais.

Os mexillóns, principal cultivo da zona, son organismos filtradores de grandes cantidades de auga, acumulando contaminantes durante ese proceso. No caso do marisqueo en costa a interacción é máis relevante en zonas próximas a conducións de vertedura. «As administracións deben garantir que as verteduras de augas de refugallo urbanas ou industriais son tratadas axeitadamente e cumpren coas súas autorizacións de vertedura e que non se pon en risco a calidade das augas onde se engordan estes bivalvos» sinalan. «A incorporación, xa sexa accidental ou intencionada, de certos contaminantes, pon en risco a comercialización do recurso e a saúde humana», alertan.

En Galicia hai 11 Zonas de Produción de Moluscos pechadas por contaminación (clasificadas dentro da categoría  C), en xuño de 2020 (6 estables e 5 provisionais).

A pesar disto o propio Miterd recoñece que o número de contaminantes avaliados non cubre todos os lexislados para os produtos da pesca e que o número de especies analizadas que compren os criterios non é representativo do total de especies destinadas ao consumo humano.