Ecoloxistas en Acción demanda no Xulgado á naveira que provocou a vertedura de pellets na costa galega

Solicitan ao Xulgado que impoña á empresa unha caución de 10 millóns de euros para facer frente a unha descontaminación que será «longa e custosa»

Ecoloxistas en Acción ven de presentar este martes nos Xulgados de Noia unha demanda penal contra a empresa armadora propietaria do portacontedores “Toconao”, con bandeira de Liberia, así como contra o seu capitán. A acción xudicial, realizada da man de Plademar Muros-Noia, atribúe á empresa un presunto delito contra o ambiente e os recursos naturais pola afectación ás costas galegas dunha vertedura de millóns de pellets de plástico.

A marea de pellets xa afectou a 10 espazos protexidos da Rede Natura 2000, así como ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e o Parque Natural de Corrubedo e a numerosas zonas de costa e areais. Na demanda evidéncianse os danos substanciais á calidade da auga, dos solos das praias e dos animais e plantas destes ecosistemas, ademais do risco de perxuízos á saúde. Os pellets de plástico (ou “nurdles”) son bolas de 5 mm de diámetro que polas súas características atraen as toxinas próximas absorbéndoas como unha esponxa.

A súa forma e tamaño atraen a numerosas especies de aves, peixes e crustáceos que os confunden con ovas. Ao inxerilos os plásticos entran na cadea trófica e con frecuencia provocan a morte do animal que deixa de comer ao ter o estómago cheo de plástico. Ao entrar na cadea trófica, as substancias contaminantes que portan os microplásticos quedan nos tecidos dos animais.

Caución xudicial de 10 millóns de euros

A organización ecoloxista quere asegurar que se cumpre a máxima de “quen contamina paga” e por iso, na súa demanda, pediu ao Xulgado que impoña unha caución á empresa demandada de non menos de 10 millóns de euros que permita acometer os custos de restauración.