Dúas novas sentenzas avalan o modelo de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día públicos do Consorcio en Vigo

O TSXG desestima por sétima vez os recursos presentados polo Concello de Vigo contra as liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondente ás escolas infantís públicas da rúa Palencia e Valadares

Dúas novas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalan por sétima vez o modelo de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día públicos en Vigo dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A xustiza volve así a dar a razón ao Executivo autonómico ao desestimar os últimos recursos presentados polo Concello vigués contra as primeiras liquidacións de 2017 e 2018 nas escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia. 

En opinión da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sete sentenzas parecen suficientes como para que o alcalde desista de presentar recursos contra un modelo que non só está regulado por lei, senón que conta co visto e prace da Fegamp e é de aplicación en todos os concellos que a integran.

Ao fío destes novos fallos xudiciais, Fernández-Tapias convidou de novo ao alcalde a asumir as súas competencias e permitir que 200 familias de Vigo poidan beneficiarse da gratuidade de 0 a 3 anos que ofrece o Goberno galego para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís. Asemade, reclamoulle que cumpra o seu compromiso de regularizar os pagos ao Consorcio antes de que entre en vigor a gratuidade completa o vindeiro curso.  

Cooperación entre administracións

Segundo recolle o alto tribunal, as liquidacións xiradas polo ente autonómico non incorren nas causas de nulidade alegadas polo Concello de Vigo, “toda vez que se trata de asumir o financiamento duns servizos atribuídos pola lexislación autonómica aos entes locais e para cuxa prestación optouse por fórmulas de cooperación” entre administracións.

A resolución sinala que se trata dun servizo de carácter social, en ningún caso educativo como argumenta o Concello de Vigo no seu recurso, cuxa xestión asumiu o Consorcio a instancias da propia Administración local. Segundo indica, “en Galicia a atribución aos municipios da prestación dos servizos sociais resulta clara”.

O TSXG rexeita tamén que se infrinxa a normativa estatal de réxime local sobre distribución de competencias e a normativa autonómica sectorial reguladora dos servizos sociais, segundo expón o Concello vigués no seu recurso. Esta negativa apóiase en sentenzas do Tribunal Constitucional que deixan claro que “debe excluírse a interpretación de que os municipios soamente poden obter competencias propias nas materias enumeradas na Lei de Bases de Réxime Local […], pois semellante prohibición, indiscriminada e xeral, sería manifestamente invasiva das competencias das comunidades autónomas”.  

Cómpre lembrar que o modelo de financiamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está vixente desde o ano 2017.