Aitana Santomé e Maider Barros fórmanse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
O tamén alumno deste centro Mateo Rodríguez foi seleccionado para o mundial júnior de orientación
Procedentes de oito países, 222 universitarias e universitarios participan desde este domingo na localidade andaluza de Antequera na 26 edición do Campionato do Mundo Universitario de Balonmán, na que a UVigo estará representada por dúas estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Maider Barros e Aitana Santomé. Xogadoras do Balonmán Porriño, forman parte das 14 seleccionadas pola federación española para competir neste torneo, que suporá a súa primeira participación nun mundial coa selección. Por outra banda, nestes dias tamén se coñecían as e os deportistas que representarán a España en xullo no Campionato do Mundo Júnior de Orientación, no que estrearase outro estudante desta facultade, Mateo Rodríguez.
Tanto Santomé como Barros veñen de tomar parte na mellor tempada na historia do Conservas Orbe Rubensa Porriño, que rematou cuarto na fase regular da Liga Guerreras Iberdrola, para logo quedar fóra da final da máxima categoría do balonmán español na prórroga do último partido de semifinais. “É incrible o que fixemos este ano”, recoñece Santomé, que recibiu “con moitísima ilusión” a súa convocatoria para este mundial, que supón a súa estrea cunha selección de categoría absoluta, tras ter participado nun Campionato de Europa Júnior. “Tómoo como unha recompensa ao traballo e ao esforzo realizado esta tempada”, engade Barros, quen subliña que “sexa universitario ou non, que te convoquen coa selección absoluta fai sempre moitísima ilusión”.
Estas dúas estudantes iniciarán o luns a súa participación neste mundial, organizado pola Universidad Camilo José Cela, en colaboración co Consejo Superior de Deportes (CSD). Co adestrador do Balonmán Porriño, Ismael Martínez, como seleccionador, o equipo feminino de España competirá na fase de grupos con Francia e India e farao cun equipo integrado por 14 xogadoras da Liga Guerreras Iberdola. “Non sabemos o nivel do resto dos equipos, pero somos xogadoras da máxima categoría e ningunha se conformará con participar”, recoñece Barros. “Non deixan de ser seleccións nacionais, polo que, nin moito menos, penso que vaia ser fácil, pero imos cun moi bo equipo, polo que o obxectivo é chegar o máis lonxe posible”, engade Santomé.
O deporte como profesión e ámbito formativo
Horas antes de iniciar a concentración para o mundial, Santomé defendía de xeito virtual o seu traballo de fin de grao, co que puña peche ao seu último curso como alumna do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Foi un ano duro a nivel físico, porque tiña que compaxinar as prácticas cos adestramentos diarios”, recoñece a lateral dereito, quen se amosa “contenta e orgullosa” por completar unha titulación que decidiu “facer curso por ano” e que se conecta directamente coa súa faceta como deportista profesional, “que tamén me permite seguir formándome”. Non obstante, pese ao seu interese polo deporte, como amosa o feito que durante anos compaxinase balonmán e taekwondo, chegando a acadar un bronce nun Campionato de Europa, recoñece que, de inicio, “custoume moito decidir a carreira”. Finalmente, tras “probar cunha enxeñaría, decantouse por unha titulación que, recoñece, “gustoume desde o primeiro día que fun a clase”.
Algo similar aconteceulle a Barros, que tamén probou outro grao antes de decantarse por Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Natural de Errenteria, a estremo dereito recibiu en 2021 unha oferta do Porriño e na súa decisión de trasladarse a Galicia foi tamén determinante a parte académica. “Era importante poder compatibilizar a carreira e o deporte profesional e vin que todo se aliñaba”, lembra Barros tras completar a súa terceira tempada no club porriñés. “A verdade é que a carreira estame gustando moitísimo”, engade esta alumna, que recoñece “non é fácil” compaxinar as dúas facetas. “Tes que ser unha persoa moi organizada e rematas os días moi cansada”, sinala Barros, que, ao igual que Santomé formou parte dos equipos cos que a Universidade de Vigo se proclamou campioa de España universitaria nos anos 2021 e 2022.

