Dous novos ataques a buses de Vitrasa

Aínda que non houbo que lamentar danos persoais, dende a compañía advirten do risco que supón para o persoal e a cidadanía estes actos violentos que están a suceder de forma recorrente desde o comezo da folga indefinida  

Onte á tarde, dous autobuses da compañía sufriron novos ataques. En concreto, ás 19:15h o autobús que realizaba a liña 5A sufriu a picada en dúas das rodas. O vehículo atopábase parado na rúa Pedra Seixas mentres o persoal de condución facía o seu descanso quen, cando se incorporou, detectou a picada nas rodas.

Pouco máis tarde, ás 21:50h o autobús que facía a liña 15A ao seu paso pola avenida da Ponte recibiu un impacto na fiestra dianteira provocando a rotura da mesma. Non levaba viaxeiros a bordo.

Non houbo que lamentar danos persoais pero, dende Vitrasa, advirten do risco que supón para o persoal e a cidadanía estes actos violentos que están a suceder de forma recorrente desde o comezo da folga indefinida.  

A compañía reitera as desculpas aos usuarios e lembra que garante a prestación dos servizos mínimos que atenden a todos os barrios da cidade e que poden ser consultados en www.vitrasa.es ou nos teléfonos de atención ao viaxeiro 986 29 16 00 / 986 20 74 74.