Doce comparsas protagonizan o desfile do Entroido de Vigo 2022

Os actos de celebración da festa comezan este venres con animación na rúa e a entronización do Meco, ás 20 horas, en Policarpo Sanz

O desfile de comparsas e carrozas comeza ás 18 horas deste sábado 26 de febreiro

O alcalde detallou os actos previstos polo goberno municipal para celebrar o Entroido deste ano que comeza a tarde de hoxe venres con animación na rúa desde as 18 horas e a entronización do Meco en Policarpo Sanz ás 20:00 horas.

Neste 2022, tras a pandemia, Vigo recupera o desfile de comparsas e carrozas. Comeza mañá sábado 26 ás 18 horas nas Travesas, percorrendo a rúa Camelias e rematando en Venezuela, á altura da praza do Bicentenario. Participarán 12 comparsas e carrozas con diferentes temáticas e con elas volverán encherse de cor e música as rúas da cidade. A xornada, na que tamén haberá animación polo centro, remata co concerto de Cherry Sweet, ás 21 horas, no escenario de Policarpo Sanz.

Tal e como explicou Caballero, o domingo 27, prográmanse desde as 17 horas actuacións infantís a cargo de Barafunda en Policarpo Sanz. O luns 28, entre as 17 e as 20 horas haberá  obradoiros infantís no Auditorio municipal e celébrase o tradicional concurso de disfraces con animación musical en Policarpo Sanz. Para a modalidade infantil, a inscrición comeza ás 16:30 e para as modalidades adulta, individual e grupos, a inscrición empeza ás 17:30 e o concurso unha hora despois.

Os actos do Entroido de Vigo continúan o martes 1 de marzo, ás 20:30 horas, coa queima do Meco en Policarpo Sanz e, deseguido, o concerto de Broken Peach no mesmo escenario. O mércores 2 de marzo, ás 18 horas, principian as exequias funerarias, con desfile e acompañamento das comparsas á comitiva fúnebre por Policarpo Sanz, Príncipe e Colón desde as 18:30 e, dende as 19:30, enterro do Meco en Policarpo Sanz.

Entroidos escolares

O alcalde recibiu este venres na Praza do Rei ao alumnado e profesorado do colexio María Auxiliadora – Salesianos de Vigo que desfilaron desde o centro ata o Concello coa súa comparsa “Viaxeiras”, ataviados como turistas que visitan a cidade.

Ademais, o rexedor achegouse á festa do Entroido organizada polo Ceip San Salvador de Teis onde tivo a oportunidade de ver o desfile de disfraces e ata un baile do alumnado para celebrar esta data.