Con 20 anos de traxectoria, os suecos só tocarán en Madrid, Barcelona, Bilbao e na Sala Rebullón, este sábado, 18 de novembro
A banda presentará en Galicia a súa recoñecida mistura de metal con toques de clásica e jazz, desde 18 euros en anticipada
A Rebullón pecha o mes cunha intensa actividade: Mondra, Diablo Swing Orchestra, Frank Delgado + Uxía e o Ghallaecia Metal Fest
A Sala Rebullón, xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, acolle este sábado ás 21 horas a única parada en Galicia dos suecos Diablo Swing Orchestra, unha banda de referencia na escena internacional que celebra vinte anos ofrecendo só catro concertos en España: Madrid, Barcelona, Bilbao e Mos, na Sala Rebullón.
Con máis de 110.000 oíntes mensuais en Spotify e unha sólida traxectoria musical, Diablo Swing Orchestra son recoñecidos internacionalmente pola súa orixinalidade no avant-garde e pola súa singular mistura de estilos, integrando no heavy metal desde o jazz ata a música clásica, o rock progresivo e o sinfónico.
Durante as súas dúas decadas de carreira profesional, os suecos teñen publicado cinco traballos e acumulan nominacións a distintos premios e xiras por Europa e América. Os directos de Diablo Swing Orchestra caracterízanse pola súa enerxía e calidade, que seguro descargarán na Sala Rebullón este sábado, 18 de novembro.
Aínda quedan entradas dispoñibles desde 18 euros en anticipada, á venda na cantina do centro social As Pedriñas e tamén online, máis gastos de xestión. O propio día do concerto, o prezo será de 23 euros. A actuación comezará ás 21 horas, con apertura de portas desde as 20:30 horas.
Axenda de novembro
Ata final de mes, a Comunidade de Montes de Tameiga programa na Sala Rebullón unha serie de citas imperdibles para os amantes da música. E como acostuma, combinando o talento emerxente galego con grupos internacionais.
Este venres, 17 de novembro, Mondra encherá a Sala Rebullón. O artista, cantareiro e bailador de Teo, a nova estrela do “trad” galego, vendeu todas as entradas para o seu concerto de presentación do seu primeiro traballo, ARDĒN. Ao día seguinte, este sábado 18, será o momento dos suecos Diablo Swing Orchestra.
A fin de semana seguinte, a Rebullón recibirá o 24 de novembro, ás 22 horas, ao mítico cantautor cubano Frank Delgado, que virá acompañado da gran Uxía Senlle. De acceso co sistema de billeteira inversa (no que o público abona a cantidade que considere xusta á saída do recinto), o concerto repasará algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria.
Delgado levou a súa música por todo o mundo, con máis de 200 actuacións ás súas costas en cidades de África, Europa e América Latina. Ademais, compartiu escenario con artistas do nivel de Silvio Rodríguez, Luis Eduardo Aute, Daniel Viglietti, Juan Carlos Baglietto e Fito Páez, entre moitos outros.
E o sábado 25 de novembro, a Sala Rebullón será o escenario da segunda edición do Ghallaecia Metal Fest, o festival que une o mellor do metal galegoportugués. Cun cartaz de luxo que inclúe sete grupos: Mano de Piedra, Bloodhunter, Talesien e Lóstregos representando a Galicia, e Moonshade, Hunted Scriptum e Music In Low Frequencies desde Portugal.
A xornada comezará ás 18:30 horas coa apertura de portas para presenciar sete actuacións consecutivas, chamadas a encher un ano máis a Sala Rebullón. As entradas están xa á venda desde 15 euros en anticipada en vivetix.com e 20 euros no propio día do festival.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo. A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.

