Descende un 7,3 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de 10,6 vítimas por cada 10.000 mulleres da Comunidade é a terceira máis baixa do Estado, onde se rexistra unha media de 13,8 

Durante o segundo trimestre do ano 104 persoas acolléronse á dispensa para non declarar, o que supón o 8,6 % das 1.489 vítimas

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.489 denuncias por violencia de xénero, un 7,3 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.607. A gran maioría das denuncias (1.194) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Diminuíu tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2019 contabilizáronse 1.545, fronte ás 1.489 deste ano nas mesmas datas, o que supón un descenso do 3,6 %. Para analizar os datos cómpre ter en conta a incidencia da crise da covid-19 na Administración de Xustiza, sobre todo no período analizado, o máis afectado pola declaración do estado de alarma. Como consecuencia diso, rexistrouse unha diminución interanual na maior parte dos indicadores que miden a actividade dos xulgados na súa loita contra a violencia de xénero.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenden os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se no segundo trimestre de 2019 optaron por esta opción 133 mulleres, este ano fixérono 104, o que supón o 8,6 % das vítimas, un 21,8 % menos.

Galicia situouse como a terceira comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,6 persoas, fronte ás 13,8 de media estatal. Castela e León (8,1) e Estremadura (9,4) teñen un indicador máis baixo. Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 489 ordes de protección nos órganos xudiciais da Comunidade, fronte ás 524 de 2019, o que supón un descenso do 6,7 %. Desas 489 adoptáronse 313, o 64 %.

O 89,8 % das 98 persoas axuizadas na Comunidade Galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano foron condenadas.