Carmela Silva: «As mulleres temos que tomar conciencia sobre a importancia das carreiras STEM, non podemos perder ese tren»
Coa premisa, tal e como destacou a presidenta Carmela Silva, de «sumar vontades e intelixencias e situar á igualdade como a grande referencia«, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo veñen de asinar o segundo convenio da Cátedra de Feminismos 4.0. No acto de sinatura, no que participaron Silva e o reitor Manuel Reigosa, a presidenta avanzou que a cátedra centrarase no estudo «da posición das mulleres nas STEM, no mundo da innovación e da dixitalización, que presenta datos realmente alarmantes que implican que as mulleres estamos perdendo este tren e temos que tomar conciencia da situación».
«Hoxe agrádame estar aquí, na Sala Rosalía de Castro, cando aínda temos a exposición do 8M, asinando este segundo convenio que propón actividades moi ambiciosas», destacou Carmela Silva satisfeita tras asinar o convenio coa Universidade de Vigo, «porque as administracións temos que estar cada día máis cerca do coñecemento e o coñecemento radica nas universidades«. Neste eido, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para enxalzar o papel do reitor e da Universidade de Vigo no ámbito da igualdade e do feminismo, recordando a súa recente incorporación á rede de Bibliotecas de Igualdade.
Pola súa banda o reitor Manuel Reigosa destacou que «temos moitos retos como sociedade, pero a igualdade é fundamental no século XXI». Ao respecto, o reitor reivindicou a necesidade de que «universidade faga chegar a súa voz» a través da docencia, «con xente que saia das nosas aulas con conciencia de que a sociedade ten que ser feminista», da investigación e da divulgación. Así, Reigosa destacou que «as tres ramas da universidade –docencia, investigación e divulgación- teñen que estar impregnadas de feminismo e esta cátedra nos vai permitir actuar como altofalante, creando conciencia e coñecemento do camiño que queda por percorrer».
O novo convenio para o desenvolvemento da Cátedra de Feminismos 4.0 inclúe no marco da súa programación, tal e como detallou a presidenta provincial, o segundo workshop virtual «Sociedade dixital e xénero: hackeando o patriarcado», que terá lugar en outubro con dúas conferencias, unha mesa redonda con catro expertas invitadas e dous obradoiros denominados «Wikimaratón feminista» e «Obradoiro virtual para identificar e combater machitroles. STOP Machitroles».
Tamén se impulsarán axudas á investigación, con bolsas dotadas con ata 6.000 euros para «incentivar a análise en cuestións que teñen que ver coa igualdade e a nosa posición»; convocaranse os premios GeekGirlsCovid, «moi axeitados neste momento de pandemia»; crearase un comité de sabias, «para que a xente saiba que hai sabias e hai que contar co seu coñecemento»; impulsarase un espazo web da propia cátedra aloxado nos dominios da Universidade de Vigo e da Deputación; así como farase difusión informativa de cuestións de actualidade e da produción científica da cátedra.

