Delegados da CIG mobilízanse diante da Inspección de Traballo e da empresa na que faleceu unha traballadora

O lema escollido: «A precariedade laboral mata»

A CIG-Industria de Vigo desenvolveu hoxe dúas concentracións para denunciar que “a precariedade laboral mata” e en lembranza da traballadora da automoción que faleceu o pasado venres 12 en accidente laboral nas instalacións da empresa Componentes de Vehículos de Galicia.

A primeira das protestas tivo lugar diante da Inspección de Traballo en Vigo de 10:00 a 10:30 horas, mentres que a segunda celebrouse ás portas de Componentes no polígono porriñés das Gándaras de 13:30 a 14:00 horas).

Nos dous casos despregouse unha faixa na que se podía ler “A precariedade laboral mata”, xa que o obxectivo das mobilizacións era denunciar a crecente precariedade que afecta o sector, segundo o CIG, que está a provocar o incremento dos accidentes laborais graves, mesmo con resultado de morte.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, que se dirixou aos presentes ao remate dos actos, salientou que “hoxe estamos aquí en lembranza dunha das nosas, dunha traballadora que perdeu a vida nun accidente laboral nun sector no que a inseguridade non deixe de medrar como consecuencia do incremento da precariedade e dos ritmos de traballo”. Tamén explicou que a central seguirá o caso na Inspección de Traballo para que se investigue o sucedido e se depuren responsabilidades.