Dani Martín súmase ao cartel de Castrelos o 17 de agosto

O alcalde anunciou este venres a nova proposta musical para as festas de verán da cidade, que suman once concertos e catro espectáculos infantís que poderán gozarse no Auditorio municipal de Castrelos en xullo e agosto

Dani Martín subirá ao escenario de Castrelos o vindeiro mércores 17 de agosto para presentar na cidade os temas da súa xira musical “Que caro é o tempo” dentro das festas de verán de Vigo.

Abel Caballero informou da celebración do concerto “gratuíto, dun dos artistas máis importantes dos últimos 15 anos no espazo musical de España” que estando á fronte do grupo El Canto del Loco tivo “éxitos inenarrables” e que, desde o ano 2010, inicia a súa carreira en solitario.

O rexedor lembrou o cartel previsto para as festas en Castrelos que este ano chegan “arrasando como sempre na cidade”: Joan Manuel Serrat o domingo 10 de xullo, Sebastián Yatra o mércores 13 de xullo, Love of Lesbian o venres 29 de xullo, Tanxugueiras o sábado 30 de xullo, Leiva o xoves 4 de agosto, Sting o sábado 6 de agosto, Lola Índigo o luns 8 de agosto, Woyza +Hijos de la Ruína o 11 de agosto, Hombres G o domingo 14 de agosto, Raphael o martes 16 de agosto e Dani Martín o 17 de agosto.

Ademáis, haberá catro espectáculos infantís: o 19 de xullo: «Coco Tributo Musical», o 26 de xullo: gran musical «O rei da Sabana», o 2 de agosto: “Magic Dreams» e o 9 de agosto: «I love Rock & Roll».