Cubela: “Este silencio abrupto é unha clara condena de culpabilidade, Carmela Silva debe dimitir”

Insiste en que a resposta que a cidadanía ten que saber é si foi a presidenta da Deputación a persoa que deu a orde política ao alto funcionario do Concello de Vigo para idear esta estafa de fondos públicos coa que contratar á súa cuñada

“Todo este silencio neste tempo non é casual. Comeza a encaixar. Todo queda na casa do PSOE de Vigo. Os dous condenados que gardaron silencio durante todo o proceso agora teñen a súa recompensa”, sinala

Critican a actitude do BNG, “de verdade que nada ten que dicir Mosquera nin o BNG ante a maior trama corrupta e de nepotismo político da historia recente de Galicia, da que hai unha sentenza firme do Tribunal Supremo? E Ana Pontón que opina? Tamén creen que todo é froito da casualidade do destino?”

Denuncian que cortaron a emisión en streaming xusto antes de comezar o pleno provincial, unha actitude ditatorial e antidemocrática máis propia de tempos pasados

O Partido Popular considera que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, non está acreditada para seguir ao fronte da institución provincial. “Na trama corrupta para enchufar á cuñada da presidenta hai moitas preguntas sen resposta que fan que este abrupto silencio sexa unha clara condena de culpabilidade. Carmela Silva non pode seguir ao fronte do Goberno provincial. debe dimitir. Os camiños políticos deste caso de nepotismo e de corrupción conducen ao mesmo lugar”, denunciou o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela.

Foi tras o pleno provincial sobre a trama corrupta do Caso Cuñada que se celebrou esta mañá na Deputación de Pontevedra, despois de que o Xulgado obrigase ao Goberno Bipartito PSOE-BNG a convocar o pleno solicitado polos populares en decembro do ano pasado. Durante a súa intervención, Cubela insistiu en que a resposta que a cidadanía ten que saber é si foi Carmela Silva a persoa que deu a orde política ao alto funcionario do Concello de Vigo para idear esta estafa de fondos públicos coa que contratar á súa cuñada.

Cubela amosouse “triste e decepcionado coa baixa calidade democrática que hai na Deputación”, despois de que nin PSOE e BNG tomasen a palabra no pleno extraordinario, e tras o corte da emisión en streaming xusto no momento que ía dar inicio o pleno extraordinario. “Este caso afecta á Deputación de Pontevedra. A familiar directa da persoa que se beneficiou desta trama é Carmela Silva”.

Para os populares, “hoxe a presidente da Deputación volveuse a rir e burlar da cidadanía e das institucións”. Ademais, preguntou “como se explica que o principal prexudicado, o Concello de Vigo, non se personase na causa e reclamase os 108.000 euros? Ou como se explica que neste puzle, cada peza encaixe para salvar aos dous condenados pola trama?”

Cubela preguntou, sen resposta, “si Carmela Silva non sabía que a súa cuñada se beneficiaba dunha nómina, sen acudir ao seu posto de traballo, a través dunha concesionaria municipal. Parécelle ben que a súa cuñada participase desta estafa e cobrase un soldo con cartos de todos os vigueses de forma ilegal? Pode dicir que non o sabía? De que falou coa súa cuñada nas comidas familiares durante os cinco anos que durou esta trama?”

Para os populares, todas as pezas do puzzle comezan a encaixar. “Todo este silencio neste tempo non é casual. Comeza a coller forma. Todo queda na casa do PSOE de Vigo. Os dous condenados que gardaron silencio durante todo o proceso agora teñen a súa recompensa”, e referiuse á petición de indulto do alto funcionario ao Goberno central do PSOE, acreditando a súa prolífica militancia socialista, suspendendo a súa entrada en prisión e con sinaturas recollidas polo Concello de Vigo nun folio en branco, baixo presións a colectivos municipais, que reciben axudas do Goberno de Abel Caballero. E para o outro condenado, o xerente da empresa, agora se lle blinda e agradece o seu silencio obrigando a unha nova adxudicataria a subrogar a súa nómina cun soldo de 90.000 euros. “Acaso despois de todo isto, seguen podendo dicir que Carmela Silva e o alcalde de Vigo non sabían nada e que non deron a orde política desta trama?”

Un indulto para o que Cubela se amosou convencido de que se aprobará. “Damos por feito de que o indulto se vai aprobar para indultar tamén a Carmela Silva e ao PSOE desta provincia. E a maior trama de corrupción e nepotismo político da historia recente de Galicia quedará impune”.

Un silencio, continuou durante a súa intervención, “como o que quixeron impoñer nesta casa calando á posición e non dar explicacións de ningún tipo”. Cubela lamentou que “pretendan continuar neste bochornoso silencio, ante unha sentenza que condena a un alto funcionario do Concello de Vigo a máis de cinco anos de prisión, un preclaro afiliado do PSOE de Vigo acreditado pola súa implicación nas campañas socialistas en Vigo, e tamén ao responsable da empresa adxudicataria, e que foi ratificada polo Tribunal Supremo sen ningún xénero de dúbida? Ata cando Carmela Silva vai seguir abusando da paciencia de todos e ríndose de todos?”

ACTITUDE INCOMPRENSIBLE DO BNG

Por último, tamén criticou a actitude “incomprensible” do BNG, socio de Goberno na Deputación de Pontevedra, e que segue sen pronunciarse ao respecto. “De verdade que nada ten que dicir Mosquera nin o BNG ante a maior trama corrupta e de nepotismo político da historia recente de Galicia, da que hai unha sentenza firme do Tribunal Supremo? E Ana Pontón que opina? Tamén creen que todo é froito da casualidade do destino?”. Ante esta actitude, lamentou que os sillóns pesen máis que a depuración de responsabilidades políticas.

CORTE DA EMISIÓN EN DIRECTO DO PLENO

Desde o PP tamén critican que, por primeira vez, se interrumpa a emisión en directo dun pleno, a pesar de que en Youtube, no canal da Deputación, se publicitaba a emisión en directo do pleno ordinario e extraordinario. “Quixeron calar á oposición privándoo de celebrar o pleno, e unha vez que o xuíz obriga a celebralo, cortan a súa emisión. Despois sairá presumindo de que é a líder en transparencia”. Ademais, recordan que no último pleno extraordinario, o do 15 de decembro, se emitiu en directo “porque de seguro que o contido era acorde aos intereses do PSOE e do BNG. Chámase censura”.