Cubela esixe a Carmela Silva que deixe de usar a Deputación como plataforma de confrontación política e comece a dar explicacións pola sentenza da súa cuñada

Carmela Silva en un acto público.

Critica que “o nerviosismo da presidenta provoca que confunda a sala de prensa do Pazo provincial coa sede do PSOE”

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, esixe a Carmela Silva “que deixe de usar a Deputación de Pontevedra como plataforma de confrontación política e comece, dunha vez por todas, a facer o que a cidadanía está esperando desde hai semanas, que dea explicacións pola trama corrupta para enchufar á súa cuñada, pola que un alto funcionario do Concello de Vigo está condenado a máis de cinco anos de cárcere, e tamén polas coaccións que a contorna do PSOE de Vigo está facendo ás asociacións locais para que asinen o indulto baixo a ameaza permanente de retirarlles as axudas municipais”.

En resposta á última rolda de prensa de Carmela Silva, Cubela sinala que “o nerviosismo da presidenta provoca que xa confunda a sala de prensa do Pazo provincial coa sede do PSOE”.

Con todo, sinala que “as acusacións ao Goberno galego son unha cortina de fume para desviar a atención ante a maior trama corrupta de Galicia dos últimos anos que salpica de xeito directo a Carmela Silva e ao PSOE da provincia, pola que aínda ninguén deu ningunha explicación nin asumiu responsabilidades políticas”. Para o popular, a estratexia de escapismo de Carmela Silva sempre é o mesmo, culpar á Xunta e ao PP “nunha semana na que asociacións de Vigo están recoñecendo presións da contorna dos socialistas para que asinen o indulto baixo a ameaza de quitarlles axudas económicas sen as que poderían subsistir”.

Cubela pregunta por que o PSOE está tan interesado en que se indulte ao principal condenado pola trama e considera que cada día é máis evidente a relación, e polo tanto, tamén a dimisión de Carmela Silva.

O que pensa Valentín Formoso de toda esta trama xa o sabemos, porque non só indultou a Carmela Silva nomeándoa presidenta do PSOE galego, senón que se reuniu en Vigo a semana pasada para indultar tamén ao alcalde. O que descoñecemos é que pensan os deputados provinciais e os alcaldes da provincia sobre esta trama, ou o BNG, socio de Carmela Silva na Deputación de Pontevedra”.