CTAG, Avanza e Vitrasa firman un acordo de colaboración para a creación dunha Unidade Conxunta de Innovación no ámbito da mobilidade intelixente

O proxecto abordará materias crave como a mobilidade autónoma, solucións para o transporte urbano conectado e eficiente, paradas intelixentes e prioridade e información semafórica, entre outras

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG); Avanza, primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús; e Vitrasa, empresa concesionaria do transporte urbano de Vigo -pertencente a Avanza-; colaborarán na creación dunha Unidade Conxunta de Innovación que ten por obxectivo desenvolver liñas de investigación comúns no ámbito da mobilidade intelixente.

Esta Unidade abordará diferentes temáticas como son a mobilidade autónoma e conectada, solucións para o transporte urbano autónomo, conectado e eficiente, paradas intelixentes, prioridade e información semafórica, dixitalización de tarefas, Intelixencia Artificial ou novos servizos de conectividade de valor engadido, entre outros.

Para Francisco Sánchez, Director da División de Electrónica e ITS de CTAG, «este acordo permitirá aplicar solucións innovadoras para facer a mobilidade do futuro máis segura, intelixente, sustentable, conectada e autónoma. Nesta colaboración con Avanza e Vitrasa, achegamos a nosa capacidade de innovación e desenvolvemento, e a nosa experiencia en proxectos ao redor da mobilidade urbana, para incorporar á nosa contorna as solucións tecnolóxicas que marcarán a mobilidade do futuro. Ademais, permite consolidar a nosa vocación de cooperación sumando unha nova alianza con empresas de referencia a nivel nacional«.

En palabras de Valentín Alonso, Director Xeral de Avanza, «a mobilidade intelixente é unha nova e revolucionaria maneira de pensar en como nos movemos; máis limpa, segura e eficiente. En Avanza apostamos por fórmulas innovadoras que promovan unha mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente en todas as cidades nas que operamos no ámbito nacional; desenvolvendo sistemas de información para facilitar os traxectos dos nosos viaxeiros, así como a aplicación de novas tecnoloxías para os responsables de operacións e condutores. Poremos a disposición desta Unidade Conxunta todo o noso coñecemento e recursos para seguir mellorando e pondo en marcha sistemas que favorezan a mobilidade intelixente nas cidades».

Na firma do convenio de colaboración, que tivo lugar esta mañá nas instalacións de Vitrasa, participaron o Alcalde de Vigo, Abel Caballero; Francisco Sánchez, director da División de Electrónica e ITS de CTAG; Valentín Alonso, director xeral de Avanza e Carlos González, director Xeral de Vitrasa.

O convenio terá unha vixencia de tres anos e os tres axentes implicados contarán con equipos profesionais altamente cualificados para o desenvolvemento das actividades que teñan lugar no marco do devandito acordo.