‘Contos de inverno’ para pór en valor a literatura de transmisión oral

Coa participación de Celso Sanmartín, Paula Carballeira, María da Pontragha e Quico Cadaval

Pór en valor a literatura de transmisión oral, “como unha parte moi importante do noso patrimonio inmaterial”, é, como sinala a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, un dos obxectivos centrais de Contos de inverno, un ciclo de contacontos impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades ao abeiro dun convenio de colaboración. Con entrada libre ata completar aforo, o ciclo arranca este xoves ás 20.00 horas na Casa das Campás, coa participación de Celso Sanmartín, mentres que o venres terá como protagonista a Paula Carballeira. Dirixido a un público adulto, esta programación complétase a vindeira semana, coas intervencións, o xoves 25 e o venres 26, de María da Pontragha e Quico Cadaval.

“Coas novas formas e modelos de vida, a literatura de tradición oral minguou a súa presenza na sociedade actual e por iso considerábamos necesario establecer espazos desde os que asuma un protagonismo central”, salienta Agrelo dun dirixido a pór en valor historias e narracións que forman parte da tradición galega e que articulan unha serie de “experiencias, saberes e ficcións que veñen a configurar o noso xeito de ser, como tamén a nosa maneira de pensar”. Nese senso, o punto de partida de Contos de inverno é servir como punto para “o encontro das persoas” en torno a esas historias que décadas atrás contábanse “ao pé dunha lareira”, xa que, engade, “é unha mágoa que se perdan todos eses coñecementos e narracións, ese xeito de contar historias que en certa forma marca tamén a nosa identidade”.

Catro voces e catro xeitos de abordar a tradición oral

Con esas ideas como punto de partida, Contos de inverno buscou reunir na súa programación “voces, tanto masculinas como femininas, de diferentes xeracións”, ás que, como explica Agrelo, se lle deixou “o camiño aberto” no referido ás temáticas, co obxectivo de que no ciclo teñan cabida os diferentes elementos que “configuran o abano da literatura de expresión oral” galega. Así, o ciclo abrirase este xoves co poeta e contacontos lalinense Celso Sanmartín, para continuar ao día seguinte coa narradora, escritora e actriz Paula Carballeira. Con todas as sesións programadas para ás 20.00 horas, a narradora e cantante María da Pontragha sumarase o xoves 25 a un ciclo que pechará, á tarde seguinte, o actor, director e escritor teatral Quico Cadaval.