O goberno municipal traballará conxuntamente coa hostalería, o turismo e a Vigo Convention Bureau na aplicación desta medida para o asesoramento dos establecementos en materia de prevención sanitaria
O Comité Executivo e o Padroado da Fundación Vigo Convention Bureau reuniuse este mércores no consistorio para analizar a situación actual do turismo e a hostalería na cidade e o difícil momento que atravesan así como a expectativa que pode abrirse coa celebración do Nadal.
Segundo explicou o rexedor, unha das medidas que están estudando é implantar o asesoramento de profesionais “controladores” nos locais de hostalería sobre a aplicación da normativa Covid, unha proposta que abordarán de forma conxunta coa Convention Bureau, a hostalería e o turismo da cidade.
Sobre o Nadal, Caballero explicou que “propuxen que serán 1000×100 seguras, con garantía absoluta do cumprimento de tódalas normas Covid”. Con ese fin, o Concello está desenvolvendo un sistema de control do aforo para limitar as concentracións de persoas para garantir o respecto ás limitacións establecidas polas autoridades sanitarias nese momento.
O alcalde sinalou tamén que a cabalgata será estática, que se están espallando as actividades previstas por toda a cidade e que serán “todas ao aire libre, non se fará nada baixo cuberta, en locais pechados. Todo o Nadal ten que ser así”, engadindo que dende o Concello “mantemos a ilusión do Nadal e queremos que as nenas e nenos de Vigo manteñan a ilusión do Nadal”.

