Colectivos veciñais e traídas de augas de Mos poden solicitar entre 6.000 e 10.000 euros de axuda provincial para melloras das súas instalacións ou equipamentos

A Deputación recupera así a liña de subvencións que fora eliminada durante o anterior goberno provincial

O Deputado Provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, ofreceu unha REUNIÓN INFORMATIVA sobre os PLANS de ACCIÓN COMUNITARIA e +AQUA da DEPUTACIÓN PROVINCIAL EN MOS, dirixidos aos colectivos veciñais e comunidades de usuarios de augas, que foi celebrada onte no Centro Dotacional de Torroso.

Tourís estivo acompañado pola Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do Goberno local, Técnicos da Deputación Provincial e representantes de A.A.V.V. e Comunidades de Augas de Mos.

O Plan Provincial de Acción Comunitaria de Pontevedra está dotado cun millón de euros e demostra o firme compromiso da institución provincial co tecido asociativo da provincia.

Respecto do mesmo o presidente provincial, Luis López, asegura que “tiñamos claro, cando iniciamos a nosa andadura na Deputación, hai medio ano, que era fundamental emendar a inxustiza que supuxo a desaparición do Plan de Acción Comunitaria e que era unha obriga recuperalo. A Deputación tiña unha débeda cos colectivos veciñais, entidades clave no equilibrio territorial. Non poden, nin deben, permanecer ao marxe xa que estamos a falar de entidades que contribúen a construír unha provincia máis avanzada, máis participativa, máis cohesionada”.  Por estes motivos o goberno provincial impulsou o Plan Provincia Comunitaria, “para potenciar a capacidade das asociacións e contribuír á implantación homoxénea das entidades veciñais en todo o territorio”.

O plan permitirá que as asociacións de veciños, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia se beneficien de contías que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros para adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo) ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade ou espazos destinados ao cumprimento dos seus fins. O prazo para solicitar as axudas do Plan Provincia Comunitaria remata o 29 de febreiro e as obras deberán estar rematadas en novembro.

A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia ascende este ano 2024 aos dous millóns de euros xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan Provincia Comunitaria, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás comunidades de augas de Pontevedra, o Plan +Aqua.

O Plan +Aqua, é un programa dirixido ás comunidades de augas da provincia que, dotado tamén cun millón de euros. +Aqua xurdiu para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos; velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais; garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, asegurando a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños, fomentando e dinamizando a implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos.

As axudas do Plan +Aqua tamén oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros e as comunidades de augas poden presentar a súa solicitude ata o 29 de febreiro. Cos recursos do plan, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.