COGAMI sensibiliza en 2020 a máis de 1.400 alumnos sobre educación inclusiva

O equipo técnico da Confederación contactou con 70 centros educativos de Vigo, Lugo e A Coruña, e ten comezado a traballar coas Universidades de Vigo e A Coruña

COGAMI, en colaboración coa entidade estatal da que forma parte, COCEMFE (Confederación Española de Personas con  Discapacidad Física y Orgánica), desenvolveron durante o ano 2020 un proxecto de educación inclusiva e de soporte á atención ao alumnado con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade.

Iniciado no ano 2016 co fin de promover a escola inclusiva, o desenvolvemento persoal e profesional do alumnado con discapacidade e a súa participación no sistema escolar en igualdade de condicións, este programa durante este último ano sensibilizou a 1.420 alumnas e alumnos de 70 centros educativos de A Coruña, Lugo e Vigo que participaron nalgúns dos 69 obradoiros de sensibilización.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destaca que «se normalizamos a discapacidade na xuventude, lograremos un futuro sen barreiras mentais á hora de relacionarse con persoas con discapacidade«.  

Outras das actividades que contempla este programa de educación inclusiva é a formación dirixida a profesorado, impartíndose un total de 28 accións formativas nas que participaron 327 docentes. Ademais, asináronse 28 compromisos con outros tantos centros educativos e asesorouse a 11 familias, dirixindo cara estas 3 obradoiros de alfabetización dixital básica para nais e pais e nos que participaron un total de 16 persoas.

Ademais dos centros educativos e das familias, o programa de formación inclusiva traballou tamén con 14 entidades e iniciou a operar coas Universidades de A Coruña e Vigo. Outras xestións realizadas foron a execución de 9 charlas de comunicación e o préstamo de 41 produtos de apoio dirixidos a facilitarlles a estadía nas aulas ao  alumnado con discapacidade.