Cinco egresadas e un egresado recibirán esta semana en Vigo os Premios Sofía Novoa

O galardóns, que reparten máis de 5000 euros, entréganse o mércores na nova sede da Deputación

Cinco egresadas e un egresado da Universidade de Vigo recibirán este mércores na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo –na rúa Eduardo Chao- a IV edición dos Premios Sofía Novoa, uns galardóns convocados pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa propia Universidade de Vigo para recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster  presentados na UVigo durante o curso 2018/2019.

Na modalidade de Traballos de Fin de Grao os primeiros premios, dotados con 1000 euros cada un, son para Karen Giselle Engster Appezzato, de Salceda de Caselas, polo seu traballo Constitución española inclusiva. Estudio previo y propuesta de redacción; e Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra, por Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil. Ademais, nesta categoría tamén foi premiada, con 600 euros, a viguesa, Antía Álvarez Martínez, que presentou o traballo Menores transexuales en el ámbito educativo.

Pola súa banda, na modalidade de Traballos Fin de Máster, o xurado decidiu premiar con 1000 euros a Marta Molina Rivera, de Vigo, por Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de formación profesional, e a Rut Guinarte Mencía, de Redondela, polo traballo Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias. Ademais tamén recibirá premio, neste caso 600€, Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, polo seu traballo A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia.

Recuperando a figura da musicóloga e mestra viguesa Sofía Novoa

Con esta nova edición dos premios a Deputación de Pontevedra continúa apostando por apoiar traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade. Amais esta iniciativa pon en valor e visibiliza a figura histórica da musicóloga e mestra viguesa Sofía Novoa (Vigo, 1902 – Madrid, 1987), unha muller, esquecida pola historia, como tantas outras, e cuxa memoria se recuperou recentemente grazas aos estudos de Leticia Sánchez, Ricardo Gurriarán, Elvira Melián ou Carmen Losada.

Este ano o xurado dos galardóns estivo presidido por Isaura Abelairas, deputada de Igualdade da Deputación, e integrado por Noemi Outeda, tamén deputada provincial;  Carmen Armada, profesora de Filosofía na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense; Mari Lires, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra; Lucía Muradas, xefa do servizo de Igualdade da Deputación, e Ana Isabel Amoedo, técnica de dito servizo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí