Cinco compañías e oito funcións abren mañá o Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença

As entradas poden reservarse en www.tui.gal e www.visitvalenca.com

Mañá venres, 23 de xullo, comeza Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença coas primeiras oito funcións da man de cinco compañías. Dende ás tres e media da tarde hora española e até a medianoite as rúas e prazas de Tui e Valença converteranse no escenario no que gozar de espectáculo de teatro, clown, música, e moito máis.

O polifacético artista Antón Coucheiro, será o encargado de abrir o festival ás 15.30 hora española no Jardim das Amoreiras na Fortaleza de Valença, co seu último espectáculo “Sonámbulo”. Trátase dunha comedia sen palabras a bordo dunha cama. É unha viaxe onírica na que atoparemos un bufón rosmón que non consegue durmir, un pallaso que conta ovellas, etc. Humor sen palabras, clown, teatro físico, efectos máxicos conforman esta comedia visual da que poderemos volver gozar ás 20.30 h no Paseo da Corredoira de Tui.

Arsenio Baruffi presentará o seu espectáculo “My Shoes” ás 16.30 h no Largo do Governo Militar na Fortaleza de Valença e ças 23 h no Paseo da Corredoira en Tui. My Shoes é un espectáculo de manipulación de obxectos e teatro de rúa que sorprenderá ao público con diversas técnicas e grandes efectos visuais.

Música e número de circo combínanse no espectáculo itinerante que o grupo portugués Farra Fanfarra ofrecerá dende ás 17.30 h pola Fortaleza de Valença e ás 21.30 h no Paseo da Corredoira en Tui.

Fredi&Cía achegan ás 18.30 h ao Jardim das Amoreiras na Fortaleza de Valença “Circanelo” no que se mestura teatro xestual, danza e acrobacia.  Volverá o sábado ás 16.30 na Praza do Concello en Tui. Para a función de Tui están xa esgotadas as entradas.

Por ultimo mañá venres, ás 22 h, no Paseo Fluvial, acollerá a Mamá Cabra en concerto co seu espectáculo máis recente “A fraga do meu avó”, que nace do amor pola natureza e do compromiso pola terra que coidaron os nosos avós e avoas.

Para todos os espectáculos -salvo os itinerantes-, é preciso reserva previa de entrada até 30 minutos antes do inicio ou até esgotar as prazas dispoñibles en www.tui.gal e www.visitvalenca.com.  

O festival conta con todas as medidas de seguridade derivadas da actual situación sanitaria con control de accesos, aforos limitados, desinfección con xel hidroalcohólico na entrada, uso obrigatorio de máscara, distancia de seguridade entre espectadores, etc.

Programación

VENRES, 23 DE XULLO

  • Ás 15.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 60 persoas.
  • Ás 16.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Arsenio Baruffi. Aforo 50 persoas
  • Ás 17.30 h en Valença espectáculo itinerante Farra Fanfarra
  • Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Fredi&Cia presenta “Circanelo”. Aforo 60 persoas.
  • Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 120 persoas.
  • Ás 21.30 h no Paseo da Corredoira espectáculo itinerante Farra Fanfarra
  • Ás 22.00 h no Paseo Fluvial Mamá Cabra presenta “A fraga do meu avó”. Aforo 240 persoas.
  • Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Arsenio Barafuti. Aforo 120 persoas.