Centos de estudantes participan en Vigo nas Xornadas de Benvida para o alumnado de novo ingreso á Universidade

A vicerreitora Natalia Caparrini fixo fincapé na importancia de que fagan “vida universitaria”

Centos de estudantes de diferentes escolas e facultades participaron este mércores no campus de Vigo nas Xornadas de Benvida para o alumnado de novo ingreso, unha actividade que xa pasou por Pontevedra e Ourense e que en Vigo, por mor da choiva, se levou a cabo no pavillón universitario no canto de na praza Miralles. “O ambiente na feira é fantástico, a xente está moi animada e é moi participativa”, explicou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen fixo fincapé en que as xornadas se organizan cun dobre obxectivo, por unha banda, que as novas alumnas e alumnos coñezan os diferentes servizos da Universidade “desde bolsas, deportes, emprego, linguas, biblioteca, cultura…. que se fagan unha idea de todo o que teñen ao seu dispor para que logo poidan seleccionar aquelas cousas que máis lle interesen”. Por outra banda, búscase tamén fomentar a vida universitaria entre o alumnado dos distintos centros, “que se mesturen uns con outros, que coñezan as diferentes asociacións de estudantes, o resto de delegacións… en definitiva, que fagan vida universitaria”, recalcou Caparrini.

“Reúne nun único lugar un montón de cousas”

Sara Ojea, de Enfermaría, e Aroa Blanco, de Química, son dúas das alumnas que se animaron a achegarse ás xornadas. Pasaron polos diferentes postos, recolleron axendas, bolsas, folletos… “Estamos aínda situándonos, son moitos compañeiros os que que hai que coñecer, un montón de cousas novas, non estamos acostumadas a tanta xente”, explica Blanco, quen agradece unha actividade que “reúne nun único lugar un montón de cousas”. Procedentes de Salvaterra de Miño e Ponteareas, ambas viven no domicilio familiar e estes primeiros días de clase parecéronlle “moi interesantes”, aínda que admiten que tamén teñen moitas incertezas, sobre todo “polos exames e a avaliación”. 

Eduardo Pereiro, estudante de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, acudiu ás xornadas acompañado polo seu irmá, quen xa coñecía o campus. “Empezo a carreira con moitísima ilusión, co desexo de que me guste e de que poida desenvolverme toda a miña vida nisto”, explicou o alumno, quen estaba “encantado” coa cantidade de xente que atopou no pavillón.

Escaparate ideal para as asociacións de estudantes

Ademais dos diferentes servizos universitarios, as xornadas contaron tamén coa participación de numerosas asociacións de estudantes que encontraron na feira un lugar ideal no que darse a coñecer entre o novo alumnado. “Os estudantes amosan un montón de interese e o noso satélite resúltalles un tema moi curioso”, explica Manuel Diz, de UVigo SpaceLab, quen salienta que “tras dous anos sen poderse facer este tipo de actividades nótase que había moitas gañas”.

Martín Blanco, da Asociación de Debate Retórica UVigo, amosouse tamén sorprendido da cantidade de estudantes que se achegaron ata o pavillón. “Estamos encantados de que veñan tantas persoas”, apunta Blanco, que fai fincapé na oportunidade que supón para eles darse a coñecer entre o novo alumnado das diferentes escolas e facultades. “Nós somos unha asociación de estudantes de todo tipo de disciplinas académicas, desde enxeñarías, ata Dereito, Ciencias Económicas… interesados en mellorar as súas habilidades en oratoria a través do mundo do debate”, recalca o alumno, quen sinala que no posto explícanlle aos participantes que se reúnen un par de veces por semana e como deben facer para pórse en contacto con eles.

Entre os diferentes servizos universitarios con posto na feira contouse con postos da Área de Benestar, Saúde e Deporte, a Unidade de Igualdade, a Área de Normalización Lingüística, a Oficina de Relacións Internacionais, Biblioteca ou a Área de Cultura.